ALCALDÍA

Os alcaldes das grandes cidades galegas demandan leis que respalden as ordenanzas municipais fronte ao botellón

17/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, demandou en nome dos rexedores das grandes cidades galegas a adopción de leis que dean respaldo ás ordenanzas municipais para facer fronte ao problema do botellón. "As ordenanzas son a norma máis baixa no escalafón e deben sustentarse en leis que lles dean cobertura", recalcou.

Sánchez Bugallo exerceu de portavoz dos seis alcaldes reunidos en Santiago (faltou o rexedor vigués) e recalcou a "preocupación" de todos por un problema "do que non queremos fuxir". "Queremos ser os primeiros en dar a cara e responder", apuntou, aínda que insistiu que este é un problema que "non admite solucións milagrosas".

Para solucionalo "a medio e longo prazo", os alcaldes reclaman "a implicación das institucións, das administracións, das autoridades educativas e dos pais". Ademais, dixo Bugallo, "debemos ser capaces de implicar aos xóvenes na solución".

Nesta dirección, anunciou que en breve se manterán xuntanzas coa Consellería de Sanidade, á que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, lle encargou o labor de coordinación neste tema. En todo caso, afirmou que tamén será necesaria a implicación de organismos como a Consellería de Educación, a Dirección Xeral de Xuventude ou a Dirección Xeral de Comercio. Nesa liña tamén se pronunciou o alcalde coruñés, Javier Losada, que indicou a necesidade de chegar a "solucións de consenso".

Non á venta de alcol pola noite e aos "botellódromos"
Sobre unha das posibles medidas, a prohibición da venta de alcol a partir de determinada hora nos locais de 24 horas, o alcalde santiagués apuntou: "A miña opinión persoal é que non vezo razón para que a lei autorice a venda de alcol neste tipo de establecementos a partir das 22:00 horas". Puxo como exemplo do seu efecto o acontecido na noite do xoves 11, "no que ás dúas da mañá había unha cola de 300 mozos na rúa para comprar".

Un tema no que si se mostraron rotundos os seis alcaldes foi en descartar a creación de "botellódromos". "O problema non é o lugar, senón o feito do do consumo desmesurado de alcol", afirmou neste sentido o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco.

Proporcionalidade nas actuacións municipais
Polo que respecta á actuación dende os concellos, Bugallo reafirmou a disposición dos mesmos a "poñer os medios, con criterios de congruencia e proporcionalidade, para paliar e reducir os problemas que se derivan deste tema". "Trátase –sinalou- de anunar o dereito dos xóvenes a disfrutar co que teñen os cidadáns a descansar".

Sobre estas medidas municipais, o rexedor dixo que "o que crea que a solución é meramente coercitiva cae nun erro enorme". O obxectivo é "buscar unha solución positiva para a sociedade e para os xóvenes".

En referencia ao caso de Santiago, Bugallo referiuse á ordenanza en vigor, que na súa opinión "conseguiu reducir o impacto do problema significativamente". Aludiu ao desplegue policial para evitar o botellón no Casco Histórico e no Ensanche, e ao efecto que en forma de sancións por orinar na vía pública.

Incivismo e problema de saúde pública
A propósito da características do fenómeno do botellón, o alcalde compostelán lembrou que "implica un compoñente de incivismo importante". Neste sentido, aludiu aos 11.000 quilogramos de lixo recollidos no xoves véspera do Pilar e depositados todos "fóra dos contedores".

Pero fundamentalmente, os alcaldes coincidiron nas súas intervencións en apuntar ao problema de "saúde pública" que supón o botellón. "Estamos ante un consumo de alcol masivo e afecta a xóvenes non beben o resto da semana e si o fan eses días de forma excesiva". Tamén se referiu o rexedor compostelán ao problema da seguridade pública, se ben indicou que "non é o máis importante".

O alcalde coruñés, Javier Losada, quixo rematar a comparecencia dos rexedores ante os medios de comunicación cunha reflexiva demanda: "Pídolle aos país que mañá dediquen cinco minutos a falar cos seus fillos e a preguntarlles que fan".

Compartir: