ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reúnese co presidente de Asturias

17/10/2007 Xosé A. Sánchez Bugallo, en calidade de presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA) reunirase o xoves 18 co máximo mandatario do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, que acude á xuntanza como presidente da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Ambos líderes tratarán de atopar estratexias comúns para problemas que afectan tanto ás rexións coma ás cidades atlánticas. Entre eles, o medio ambiente, a desaparición dalgunhas actividades profesionais, ou o abandono das zonas rurais.

A reunión servirá tamén para trazar un novo proxecto político que articule os territorios atlánticos e de onde sairá un borrador previo dos asuntos que se lle exporán ao secretario de Estado para a Unión Europea, Alberto Navarro, nunha próxima reunión, que aínda non está fixada. Este borrador xirará arredor do desenvolvemento sostible como tema transversal que é necesario aplicar ás políticas que desenvolven todas as comisións da CCAA en relación co transporte, a enerxía, o medio ambiente, o urbanismo, o desenvolvemento económico, etc.

LABoral Cidade da Cultura
Pola tarde, en torno ás 18:30 horas, Xosé A. Sánchez Bugallo achegarase ata Gijón para visitar as instalacións da cidade da cultura asturiana. No antigo edificio da Universidade Laboral, o goberno asturiano puxo en marcha un contedor cultural que é a suma de múltiples espazos. En marzo deste mesmo ano inaugurouse LABoral Centro de Arte e Creación Industrial, un espazo para o intercambio artístico de repercusión internacional. O venres 19 inaugurarase o novo espazo da cidade, o Teatro Laboral Escena, que o alcalde compostelán terá oportunidade de visitar un día antes de que se poña en marcha a súa programación.

Compartir: