CONSORCIO

Santiago acolle unha mostra sobre "Galicia no gravado antigo"

17/10/2007 O Consorcio de Santiago, en colaboración coa Universidade e coa Fundación Caixa Galicia, amosa no Colexio de Fonseca a que é quizais a mellor colección privada de gravados que hai sobre Galicia. Trátase de 270 gravados seleccionados dun total de máis de 800 do século XIX, dos que unha parte moi importante corresponden á cidade de Santiago de Compostela.

Esta colección pertence ao compostelán de adopción Carmelo Puertas, orixinario de Cantabria, un dos maiores coleccionistas de gravado antigo. Practicamente o 90% das obras expostas son do XIX. O resto son anteriores a este século.

A exposición Galicia no gravado antigo vén a cubrir unha lagoa existente no coñecemento sobre o gravado de temática galega, especialmente porque nela están representadas todas as técnicas do gravado, como augafortes, xilografías, litografías, augatintas, tallas doces (puntas secas, ao aceiro), etc., amosando aspectos da vida cotiá, oficios, cidades e vilas, paisaxes urbanas, festas, folclore, acontecementos sociais e históricos ou escenas costumistas. En conxunto, ou individualmente considerados, estes gravados constitúen o reflexo da súa época. Ao carácter artístico cómpre engadir o seu valor histórico e documental.

Entre os artistas que interviron na realización dos gravados destacan algúns nados en Galicia, como Balsa de la Vega, Serafín e Teodomiro Avendaño, Tiberio Ávila, Carmen Babiano, Modesto Brocos, Arturo Carretero, Antonio Caula, Gerardo Meléndez, Ramón Gil, Enrique Mayer, Leopoldo Villamil y García de Paredes, Joaquín Pena, Eduardo Muro, Antonio Jaspe ou Genaro Pérez de Villamil. Outros, non obstante, tiveron uns lazos moi estreitos con Galicia, como Francisco Pradilla, Federico Guisasola, José Cuevas, Jorge Osterberger, entre outros, sen esquecer os moitos viaxeiros estranxeiros que deixaron aquí a súa pegada, como Richard Ford, David Roberts, George Vivian, Víctor Cereal, George Edmund Street, Orlando Jewitt, Wigram, Collins, C. Gasquoine Hartley, Frank H. Mason ou Muirhead e Gertrude Bone.

Percepción da cidade
Con todos eles, a cidade de Santiago adquire unha especial relevancia, xa que deixan constancia nos seus debuxos e gravados da súa particular percepción dos monumentos, da vida social e dos acontecementos máis destacados. Tal é así que se pode contemplar a vista romántica de David Roberts, o Pórtico da Gloria "redescuberto", as suntuosas visitas reais, os solemnes oficios litúrxicos ou a vital alegría das festas do 25 de xullo de M. Bone.

Tampouco son alleos á esta mostra os gravados referidos ao Camiño e o propio feito da peregrinación. É por iso que se expón unha serie referida á iconografía de Santiago, como peregrino, apóstolo ou a cabalo, e que foi realizada por artistas alemáns, franceses, italianos, ingleses ou españois.

Como complemento da exposición, o Consorcio de Santiago edita un catálogo completo. É un documentado estudo sobre a autoría, data, técnica e procedencia de cada unha das imaxes expostas.

Galicia no gravado antigo pode verse no Colexio de Fonseca entre o 19 de outubro e o 2 de decembro de 2007.

Compartir: