ALCALDÍA

Santiago mellora as súas comunicacións con Ourense grazas á apertura dun novo tramo da AG-53

15/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu no Carballiño (Ourense) á inauguración do treito Dozón-Enlace de Cea da autovía AG-53, que unirá Santiago con Ourense. O tramo foi inaugurado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride.

Este tramo de 18 quilómetros estará libre de peaxe. Sitúase entre o alto de Santo Domingo (Dozón) e Cea. O treito conta ao longo do seu trazado con catro viadutos, 12 pasos superiores, 11 pasos inferiores e dúas estruturas para os enlaces. Os seus catro carrís, dous en cada sentido, están repartidos en dúas calzadas de 11,25 metros de ancho cada unha separadas por unha mediana de 3 metros.

O tramo conecta coa autoestrada de peaxe Santiago-Alto de Santo Domingo, de titularidade do Ministerio de Fomento e concesionada por 75 anos a unha empresa privada. O resto da autoestrada, entre Cea e o enlace final coa Autovía das Rías Baixas (A-52) nas proximidades de Ourense, agora en obras, entrará en servizo a finais de 2008.

Compartir: