CULTURA

A música galega tamén triunfou no Metropolitan de Nova York

11/10/2007 O segundo dos concertos que o Orfeón Terra a Nosa e a Capela Compostelana están a dar nos Estados Unidos, celebrouse no Metropolitan, o museo de arte moderna de Nova York. En concreto foi nos exclusivos Cloisters, unha rama do museo dedicada a arte e arquitectura medieval europea. Foi un concerto de música vocal da Catedral de Santiago no que, durante máis de unha hora, se escoitaron pezas músicais incluidas no Codex Calixtinus e música dos seculos XVI e XVII.

Ao evento asistiu o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, xunto co xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, xa que a Concellería e, xunto co Xacobeo e Actus, organizadora do evento. No mesmo tamén colabora o Consulado Xeral de España en Nova York, polo que asistiu o cónsul de Asuntos Culturais de España en Nova York, Roberto Varela.

O concerto estivo dirixido a un grupo restrinxido composto por algúns dos principais mecenas do Museo, que é un dos que ten máis prestixio nos Estados Unidos, ademáis dunha enorme proxección internacional. O evento tivo unha excelente acollida por parte deste público asistente e abriu importantes posibilidades de levar a cultura galega, a un dos museos máis importantes do mundo.

No encontro, tratouse a posibilidade de celebrar unha exposición do Camiño de Santiago no Metropolitan, elaborada por especialistas do propio museo con pezas existentes tanto nas súas instalacións como noutros lugares de Nova York ou estados próximos, ademáis de, como e lóxico, unha escolma das que hai en Galicia.

Compartir: