URBANISMO

O alcalde e o director xeral de Urbanismo marcan a folla de ruta para aprobar definitivamente o PXOM antes de seis meses

11/10/2007 O alcalde, Xosé A.Sánchez Bugallo, mantivo o xoves 11 unha reunión co director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Ramón Lueje Espina; co subdirector de Urbanismo, José Luis Álvarez Vicente; coa concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello, Mercedes Rosón; e coa xefa de área, Berta Rosón.

Durante o encontro, que durou tres horas e media, repasouse o contido da orde de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) asinada o xoves 4 pola Consellería de Política Territorial e fixouse a folla de ruta a seguir para resolver as dificultades que afectan á parte suspendida.

O alcalde sinalou que previsiblemente o luns 22 de outubro levarase á Xunta de Goberno a proposta de ampliación do contrato dos traballos de xustificación das propostas formuladas no PXOM. No encontro estableceuse o obxectivo de manter reunións mensuais para ir coordinando o avance dos traballos, a fin de ter aprobada definitivamente a parte agora suspendida antes de seis meses.

Na súa habitual rolda de prensa semanal, horas antes, o alcalde xa apuntara que en tres meses o Concello terá lista esa documentación. Despois disto, a Consellería terá outros tres meses para tomar unha decisión definitiva. Recibida esta, darase conta da aprobación definitiva do PXOM no Pleno municipal.

Sobre a aprobación definitiva parcial do PXOM, informarase aos veciños nunha xuntanza do Consello de Relacións Veciñais prevista para o luns 15. Tamén se tratará a cuestión na Comisión de Urbanismo do xoves 18.

Compartir: