CULTURA

Unha exposición sobre o Camiño de Santiago percorrerá varias cidades norteamericanas

11/10/2007 Continúa a visita institucional que o concelleiro de Cultura, acompañado polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, e de membros da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, está a facer aos Estados Unidos. Na última xornada a comitiva desprazouse a Williamsburg, onde inauguraron a exposición fotográfica sobre o Camiño, "Sacred Steps". Esta exposición fora xa presentada en marzo con motivo da reunión da asociación de amigos do Camiño en Norteamérica, pero agora comeza a súa circulación por todos os Estados Unidos.

Neste mes de outubro estará no William and Mary College de Virxinia, o segundo centro de ensino máis antigo dos Estados Unidos e intimamente vencellado á independencia do país. No mes de novembro, a exposición poderá verse na Universidade de California (Os Ánxeles); en xaneiro de 2008 na Universidade de Alabama e en febreiro no Davidson College de Carolina do Norte. Xa en marzo, a exposición viaxará ata Santa Bárbara, en maio estará na Western Michigan University de Kalamazoo e en xullo do ano que vén na Catedral de Sant James en Seattle. É posible que continue a súa viaxe por máis lugares de Norteamérica logo desta estancia en Seattle.

A recepción do acto de apertura da exposición correu a cargo do vicerreitor e de varios decanos dalgunhas das facultades da Universidade William and Mary College. Nas súas palabras plasmouse a intención de establecer un marco de colaboración entre as institucións galegas e a Universidade de Virxinia e de establecer intercambios en distintas áreas de coñecemento, especialmente na promoción do Camiño de Santiago e da Cultura Galega nos Estados Unidos.

Na xornada do venres 12 celebrarase o segundo dos concertos previstos nos Estados Unidos da Capela Compostelana e do Orfeón Terra a Nosa. Será no Metropolitan de Nova York, nos Cloisters, ás 19:30 horas, cun programa de música da Catedral de Santiago.

Compartir: