POLICÍA LOCAL

O xefe da Policía Local é galardoado coa medalla ao mérito da Garda Civil

11/10/2007 Norberto Villaverde, xefe da Policía Local do Concello de Santiago de Compostela recibiu o mércores 11 de outubro, a "Cruz de la Orden del Mérito del Cuerpo de la Guardia Civil", nun acto que tivo lugar no Pazo de Mariñán.

Como cada ano, a Garda Civil entrega a medalla do corpo para celebrar a festividade da Virxe do Pilar, a súa patroa. Nesta ocasión, un dos galardóns, na categoría de distintivo branco, recaeu no suboficial xefe da Policía Municipal compostelá, Norberto Villaverde. Así o aprobou o Ministerio de Interior que fixo pública a concesión da medalla a través do Boletín Oficial da Garda Civil do 29 de setembro.

Norberto Villaverde ingresou na Policía Local de Santiago de Compostela en agosto de 1.973. Dentro do corpo desempeñou labores en case todos os servizos. No ano 82 pasou a formar parte das primeiras brigadas nocturnas creadas no Concello, das que formou parte ata 1.988, cando ascende a sarxento. Con anterioridade acadaría a condición de cabo (en xuño de 1.986). A finais de 1.989 ascende a suboficial e dende 1.991 desempeña as labores de xefe da Policía Local.

A medalla ao mérito da Garda Civil é unha condecoración que premia a conduta dos membros deste corpo, pero que tamén fan extensiva en ocasións a outras institucións. Creada pola Lei número 19 de 1.976, recoñece as actuacións relevantes de entrega ao servizo en calquera das súas facetas.

Compartir: