TURISMO

Compostela será a capital mundial da curtametraxe do 16 ao 20 de outubro

11/10/2007 "Curtocircuíto" converterá a Santiago de Compostela do 16 ao 20 de outubro no escaparate mundial da curtametraxe, con dúas citas de excepción, a Sección Oficial, na que se presentaron 2.695 curtas, das que foron seleccionadas a concurso 135 (9 delas galegas), e o II Mercado Internacional de Curtametraxe, que conforma un catálogo de 2.883 obras (con máis de medio centenar procedentes de Galicia) que serán visionadas por profesionais de todo o mundo.

A IV edición do Festival Internacional "Curtocircuíto", foi presentada nunha rolda de prensa á que asistiron Xose Manuel Iglesias, titular da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago, e Tim Redford, director do Festival. Ámbolos dous destacaron a proxección internacional do certame, como o demostra a presenza de curtas de 35 países. "O obxectivo é facer de Curtocircuíto o mellor certame de curtas de España", apuntou o concelleiro.

As proxeccións das curtas seleccionadas realizaranse en versión orixinal subtitulada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en catro pases diarios con entrada gratuíta. Nelas, o público asistente poderá gozar tanto coa calidade como coa diversidade de temáticas e procedencias de todas as curtas, exhibidas en formatos de proxección orixinais.

A organización do festival crea nesta edición o Premio á Mellor Curta Galega, dotado con 1.500 euros, ao que se engaden os xa consolidados galardóns nas modalidades de ficción e animación (que incrementaron a súa contía en 600 euros con respecto á edición anterior) documental, micromovie, videocreación e o premio do Público, que en total suman unha dotación económica de 18.200 euros, acompañada de trofeo. Tamén se entregará o premio Onda Curta, concedido pola Radio Televisión Portuguesa, que comprará os dereitos da curtametraxe gañadora para a súa exhibición.

O II Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará do 18 ao 20 de otubro na Fundación Torrente Ballester, será unha plataforma empresarial para dinamizar a comercialización de curtametraxes e establecer contactos bilaterais de negocios entre os máis de 100 profesionais acreditados, entre guionistas, produtores, curtametraxistas, programadores e compradores internacionais.

As propostas da IV edición de Curtocircuíto complétanse cunha serie de obradoiros, nos que os profesionais do sector audiovisual poderán atopar unha variada oferta formativa, en materias como a creatividade, o guión gráfico (story board) e a videocreación ; mesas redondas e ciclos paralelos de temática diversa-gay-lésbica, adolescentes, nenos, etc. En total, máis de 83 horas de espectáculo, con epicentro en Santiago.

Compartir: