ALCALDÍA

O Concello contratará os estudos para a posible implantación do mini-metro

11/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que en breve se van contratar os estudos para avaliar as alternativas e a viabilidade da implantación de mini-metros ou metros lixeiros en Compostela. Neste sentido, tomou nota dos modelos de cidades como Perugia ou Asissi na súa recente visita ás mesmas.

Sánchez Bugallo recoñeceu que "non se trata dun tema doado" e que o obxectivo é buscar "un sistema que a un prezo razoable ofreza unha solución razoable". Máis que o custo de construción, ao alcalde preocúpalle o custo do seu funcionamento. Puxo como exemplo os déficits que arrastran as liñas das cidades italianas visitadas.

No caso de Santiago, dixo, "non bastaría cunha liña, senón que serían necesarias cando menos tres". Ademais, referiuse ao problema que supón o impacto visual deste sistema de transporte nunha cidade como Compostela. Todos estes aspectos deberán ser tidos en conta nos estudos que o Concello vai encargar.

Potenciación da bicicleta
Tamén na recente viaxe do alcalde, pero neste caso aos países bálticos, tomouse nota cara a elaboración dun plan para fomentar o uso da bicicleta e para crear un sistema de aluguer das mesmas. O futuro concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, está xa traballando neste tema, no que tamén se están a estudar modelos de distintas cidades españolas.

O alcalde indicou que o obxectivo é "potenciar a bicicleta como elemento de transporte urbano". Así, fronte ao modelo de compatibilidade entre a bicicleta os peóns dos países nórdicos, con outros modelos de cidade, en Santiago deberase apostar pola compatibilidade entre bicicleta e automóbil. Por iso, na elaboración deste plan tamén traballará o Departamento de Tráfico.

En calquera caso, Sánchez Bugallo referiuse ás especiais dificultades que presenta Compostela para a implantación de carrís-bici en zonas como o Casco Antigo ou o Ensanche. "O carril-bici será excepcional e non con carácter xeral no centro da cidade", apuntou.

Cidade da Cultura
Sánchez Bugallo tamén se referiu á última xuntanza do Patronato da Cidade da Cultura. O alcalde dixo estar "satisfeito de cómo van as cousas" e de ter constatado como "miles de persoas xa teñen unha idea distinta do que é a Cidade da Cultura".

No Patronato acordouse seguir co programa de visitas e amplialo aos centros educativos e a revistas especializadas. Na súa opinión, "cun nivel de execución tan potente é suficiente para facerse unha idea global".

Ademais, apuntou que as últimas adxudicacións dos plans directores de varios edificios son "unha sólida garantía de que a Cidade da Cultura será un gran proxecto cultural"

Compartir: