CULTURA

Éxito no primeiro dos concertos do Orfeón Terra a Nosa e da Capela Compostelana en Estados Unidos

10/10/2007 O primeiro dos concertos do Coro da Fundación Caixa Galicia Terra a Nosa e da Capela Compostelana en Estados Unidos, dentro dunha xira organizada pola Concellaría de Cultura, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e a Asociación para a Promoción da Música (Actus), obtivo un éxito total. Este primeiro concerto, baixo a dirección de Miro Moreira, celebrouse na Igrexa de San Bartolomeu de Nova York, onde máis de 600 persoas gozaron coa música antiga chegada desde Galiza.

O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, asistiron ao evento, no que tamén estiveron Ignacio Eguíbar, xerente da SA Xestion do Plan Xacobeo; Roberto Varela, Cónsul Cultural; Juan Manuel Egea Ibáñez, Cónsul Xeral; e Juan Antonio Yáñez, embaixador ante as Nacións Unidas.

O concerto, que conta co patrocinio do Consulado Xeral de España en Nova York, é o primeiro dunha serie deles nos Estados Unidos. O seguinte será o xoves 11 de novo en Nova York, aínda que desta vez no exclusivo Metropolitan, concretamente nos Cloisters, ás 19:00 horas (hora local), cun programa de música da Catedral. A xira pecharase o día 12 cun concerto en Washington no que se interpretará música do Camiño de Santiago.

Con estes actos, a Concellaría de Cultura busca dar unha proxección internacional da cultura galega e, especialmente, da compostelá. Non é a primeira vez que o fai, xa que a concellaría xa estivo presente en lugares como Brasil e Cuba cunha mostra da nosa riqueza cultural. Por outro lado, non só hai unha promoción cultural da cidade, senón incluso turística, nun mercado como o estadounidense que está medrando en canto a potenciais turistas a Compostela.

Ademais, de asistir a estes concertos, a delegación galega está a aproveitar a súa estancia para reunirse cos galegos residentes en Nova York, cos que estiveron o luns 8. Ademais, visitaron a Casa de Galicia, na que foron recibidos pola coruñesa Rita Mariña, actual presidenta da Casa, que ten a súa sede en Queens.

Compartir: