CULTURA

"Pan": catro propostas teatrais para reflexionar sobre o paso dunha sociedade agraria a unha globalizada

10/10/2007 Volta e Dálle Teatro está de estrea cunha nova obra en forma de catro propostas arredor do tema da malla. O Teatro Principal será escenario, o sábado 13, da primeira posta en escena desta singular representación que toma como referente esta tradición perdida en Galicia para reflexionar sobre o paso dunha sociedade agraria a outra globalizada.

Catro autores e directores fan a súa particular interpretación nuns 20 minutos de cada unha das etapas do proceso que facía chegar o pan aos fogares: a sementeira, a sega, a malla e o pan. Son Nazaret López, X. H. Rivadulla Corcón, Lucho Penabade e Carlos Santiago. Eles compoñen un espectáculo vangardista no que a malla simboliza a desaparición do modo de vida rural propio do galego ata hai poucas décadas.

A obra mestura comicidade, traxedia, surrealismo e sátira grazas a un longo proceso de creación colectiva, ao xeito en que a malla xuntaba a toda a aldea. O público atoparase cunha representación que non só ten teatro, senón tamén danza e música en directo. É un espectáculo "ultrarrealista", pero cun "gran potencial simbólico", en palabras de Carlos Santiago, un dos directores. O seu obxectivo, segundo a actriz Comba Campoy é "axitar ao espectador.

En ausencia do concelleiro de Cultura, Néstor Rego, foi Elvira Cienfuegos quen presentou esta obra, que estará no Teatro Principal o sábado 13 e o domingo 13 de outubro, ás 21:00 horas. Na primeira das funcións asistirase con invitacións, mentres que as entradas para a segunda custarán sete, cinco e tres euros. Acompañaron á concelleira na presentación dous dos directores, Pepe Penabade e Carlos Santiago; e as actrices Comba Campoy e María Lado.

Compartir: