ALCALDÍA

Familiares de enfermos mentais piden que se visualice esta enfermidade

10/10/2007 Dende 1992, o 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental. A súa finalidade é establecer un punto de referencia para promover actividades e estratexias de concienciación sobre a problemática da saúde mental entre a cidadanía. Compostela uniuse á conmemoración deste día a través dos actos organizados pola Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES Galicia).

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, visitaron con este motivo a mesa informativa instalada por FEAFES na Praza do Toural, onde estiveron acompañados polo coordinador desta entidade en Galicia, Antonio Hernández Fernández. Nesta mesa ofrecíase material informativo sobre a enfermidade mental e sobre as diversas dimensión que a comprenden (patoloxías, inserción laboral, dispositivos de rehabilitación ), así como material relativo a campañas divulgativas orientadas a aumentar o coñecemento sobre a enfermidade e reducir o estigma social. Tamén se expoñía artesanía elaborada por usuarios dalgunhas das asociacións.

Os actos continuaban pola tarde no auditorio da Facultade de Filosofía, coa proxección do documental producido por Julio Medem "Uno por ciento esquizofrenia", no que a directora Ione Hernández trata a realidade desta patoloxía dende a perspectiva de psiquiatras, psicólogos, familiares e das propias persoas con enfermidade mental. Despois do visionado, debate coa participación, entre outros, de Fernando Márquez Gallego, director do Programa de Saúde Mental da Consellería de Sanidade; Xosé Ramón Girón García (presidente de FEAFES Galicia); e Mª del Carmen Wiz Otero, membro de Itínera (asociación de voluntariado a favor de persoas con enfermidade mental).

"A saúde mental nun mundo cambiante: o impacto da cultura e a diversidade" é o lema da campaña neste 2007. Neste marco preparou as actividades FEAFES Galicia, unha federación nacida en 1995 para preservar e defender os dereitos e necesidades do colectivo de persoas con enfermidades mentais e os seus familiares. Na actualidade está formada por catorce asociacións repartidas pola Comunidade Autónoma.

Compartir: