EDUCACIÓN E DEPORTES

"Á auga patos" segue un curso máis a fomentar a práctica da natación entre os escolares composteláns

04/10/2007 Os concelleiros de Educación, Guadalupe Rodríguez, e de Deportes, Andrés Fariña, presentaron unha nova edición do programa de natación escolar "Á auga patos", que se desenvolverá dende primeiros de outubro ata o 30 de maio de 2008. A campaña , que leva a cabo a empresa Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE) porase en práctica inicialmente na piscina de Santa Isabel, e posteriormente na de Sar, unha vez rematen as obras nos seus vestiarios.

Guadalupe Rodríguez lembrou que neste programa poden participar os escolares de seis ou máis anos. Destínase pois aos centros de educación primaria do concello de Santiago. Os rapaces terán que contar coa autorización dos seus pais ou titores.

O horario da actividade será de 10:00 a 13:00 horas, con catro quendas, de 45 minutos de clase e cun máximo de 55 alumnos por cada unha delas. A data límite de inscrición é o 9 de novembro.

A cota é de 40 euros. En calquera caso, Andrés Fariña recordou que o Concello garante axudas para aquelas familias que por cuestión da súa renda non poidan facer fronte a esta cantidade.

No curso 2006/07 participaron en "Á auga patos" 440 alumnos de nove colexios da cidade. A iniciativa terá unha xornada de clausura na piscina de Santa Isabel.

Compartir: