PREMIO DE EUROPA

Santiago, escenario da conmemoración do Premio de Europa

24/06/2005 Con motivo da celebración do 50 aniversario do Premio de Europa e do 20 aniversario da concesión deste premio a Santiago de Compostela, celebraranse diversos actos aos que acudirán alcaldes e representantes das cidades premiadas, membros da Comisión, ex-presidentes, o presidente da Asemblea e parlamentarios.

O alcalde compostelán presentou a axenda de actos que terán lugar os días 1, 2 e 3 de xullo en Santiago. Este programa de actos conmemorativos dará comezo o venres 1 de xullo, coa inauguración oficial da celebración ás 9.30 no Auditorio do Hostal dos Reis Católicos, na que intervirán Sánchez Bugallo, o Secretario Xeral do Consello de Europa e o Presidente da Asemblea Parlamentaria, René van der Linden, tras o que terá lugar un coloquio e a cerimonia de entrega da reprodución do Premio de Europa aos representantes das cidades que asistan. Calcúlase que virán unhas 175 persoas en total.

Tras un almorzo de traballo, os convidados disfrutarán dunha visita guiada á cidade que inclúe a visita aos tellados da Catedral ata preto das oito da tarde, que acudirán ao Concello, onde o Presidente da Comisión asinará no Libro de Ouro da Cidade. Pola noite, asistirán ao concerto de Ainhoa Arteta, na praza do Obradoiro.

Na mañá da segunda xornada, o sábado 2 de xullo, farase unha visita ao inicio urbano do camiño de Santiago, no parque do Palacio de Congresos, en San Lázaro, onde se descubrirá unha placa conmemorativa do encontro. A continuación, os convidados asistirán á Misa do Peregrino coa invocación ao Apóstolo Santiago e visitarán o interior da Catedral. Logo asistirán a un almorzo oficial ofrecido polo alcalde compostelán no convento de San Francisco. O domingo 3 os convidados visitarán as Rías Baixas.

Documentos relacionados



Compartir: