PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica organiza unha xornada para fomentar a cultura emprendedora

01/10/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro no Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia é de balde. A información sobre a xornada e a inscrición para participar atópanse na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, no microsite dedicado ao programa Compostela Activa.

O programa de actividades está concibido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. Despois da apertura da xornada, que comezará ás nove coa recepción dos participantes, terá lugar o relatorio inaugural. Ás dez e media celebrarase outro relatorio a cargo dos representantes das entidades de crédito participantes no encontro. Entre as once da mañá e as dúas da tarde desenvolveranse, de xeito continuado, catro paneis de experiencias sobre o sector servizos, o sector comercial, as empresas de base tecnolóxica e empresarios individuais.

Despois do xantar, ás catro da tarde, desenvolveranse tres Obradoiros para o emprendemento, unha novidade respecto ao ano pasado, sobre Sucesión xeracional, A posta en marcha dunha franquicia e Buscar e solicitar axudas públicas. Estes obradoiros, dunha hora e media de duración, serán impartidos por expertos en temáticas moi concretas de ámbitos nos que hai unha alta demanda de formación. A conferencia de clausura, que comezará as cinco e media da tarde, correrá a cargo de Ghaleb Jaber Ibrahim, un dos empresarios de referencia en Santiago. En 2006 clausurou a xornada o galego Julio Fernández, fundador de Filmax. No encontro, celebrado o 12 de decembro do 2006, inscribíronse 389 persoas, e nel colaboraron 15 organizacións públicas e privadas.

Guía de novas oportunidades
Durante todo o día haberá casetas das organizacións que apoian a cultura emprendedora en Santiago. No da Concellaría de Promoción Económica distribuiranse exemplares das 10 Guías de Novas Oportunidades de Negocio, nos que se desenvolven estudos sobre proxectos empresariais dos que existe unha demanda importante en Santiago. As guías cobren tres sectores: comercio, restauración e servizos a persoas.

Na II Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, colaboran a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, o IGAPE, a Deputación de A Coruña, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Caixa Galicia, La Caixa e distintas entidades, aparte dalgunhas das mencionadas, que integran o Proxecto Equal Compostela Social.

Compartir: