ALCALDÍA

O Concello trasladará a Santiago experiencias das cidades do Báltico en temas de transporte

28/09/2007 O acordo foi adoptado durante o encontro que mantivo o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo en calidade de presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA) co presidente da Unión de Cidades do Báltico (UBC), Bodker Andersen.

Na xornada de peche da IX Asemblea Xeral da UBC, os dous mandatarios achegaron puntos de vista sobre os proxectos políticos das dúas organizacións, en especial sobre varios temas relacionados co desenvolvemento sostible como o transporte, o aforro enerxético, a contaminación, os asuntos sociais e o desenvolvemento urbano. Como resultado desta conversa, Santiago establecerá unha rede de traballo coas cidades do Báltico para tratar de implantar en Santiago e nas demais cidades do Arco Atlántico que poidan estar interesadas, as exitosas experiencias que fan do Báltico un dos territorios máis avanzados do mundo en temas de desenvolvemento sostible.

Na área de transporte, Santiago contará co apoio da cidade alemana de Rostock para implantar un programa de promoción do uso da bici na cidade. Esta acción levará parella a construción de carrís bici e varios puntos onde os usuarios poderán dispor de bicicletas de uso público.

Rostock é a cidade que dirixe a Comisión de Transportes da UBC nestes momentos. En colaboración con outras 16 cidades bálticas ten liderado diferentes proxectos europeos financiados polos programas INTERREG III, INTERREG IIIB, CIVITAS I e CIVITAS II, para desenvolver plans de transporte urbano sostible, incitando aos seus habitantes a usar transporte público ou outras alternativas de transporte (camiñar, bicicleta, compartir coches, etc). Dentro da mesma experiencia tratarase de resaltar o incremento dos efectos nocivos derivados do uso masivo do transporte privado, tales como polución, ruido, conxestión do tráfico, accidentes, etc. Por último as propostas a trasladar a Santiago estarán acompañadas de campañas de seguridade vial co obxectivo de diminuír o número de accidentes de tráfico (clases para nenos, campañas anti-consumo de alcohol, anti-velocidade ao volante, etc).

A delegación de Santiago tamén mantivo un encontro coa coordinadora da Comisión de Planeamento Urbano da UBC, Sirpa Kalio, con quen intercambiou información sobre as políticas de renovación urbana e planeamento de novas áreas baixo os criterios do desenvolvemento sostible. Esta xuntanza terá unha segunda parte en Helsinki, a onde a delegación compostelá viaxará o luns 1.

Xuntanza en Helsinki
O alcalde de Santiago entrevistarase co alcalde de Helsinki, Jussi Pajunen, no City Hall da capital finesa o luns 1 de outubro, ás 14:30 hora local. Ademais dos alcaldes, nesta reunión tamén estarán presentes varios responsables da xestión municipal de Helsinki así como a concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón.

Helsinki está considerada unha cidade exemplar en cuestións de desenvolvemento urbano sostible e boas prácticas no ámbito da rexeneración de espacios públicos. As experiencias urbanísticas desenvolvidas nesta cidade e os conceptos arquitectónicos fineses teñen servido de modelo en todo o mundo.

O encontro entre as delegacións de Helsinki e Santiago completarase cun percorrido pola capital finesa, para visitar as accións urbanísticas máis importantes levadas a cabo na última década na cidade como vivendas sociais, parques urbanos e edificios de uso público.

Próximamente, ademais de continuar desenvolvendo as labores da Presidencia, Santiago farase cargo tamén da Comisión de Desenvolvemento Urbano da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, a onde tentará trasladar os resultados de todos estes intercambios.

Compartir: