TURISMO

O Día Mundial do Turismo lembra ás mulleres traballadoras do sector

26/09/2007 "O turismo abre portas ás mulleres" é o lema escollido para o Día Mundial do Turismo das Nacións Unidas, que se celebra o 27 de setembro, aniversario da aprobación dos Estatutos da OMT.

Afondando no lema de "O turismo é riqueza", de 2006, a campaña da Organización Mundial do Turismo subliña este ano as oportunidades e retos que atopan as mulleres no sector, para promocionar a autonomía feminina e fomentar a eliminación das disparidades entre xéneros.

Nesta data, Turismo de Santiago repartirá aos seus visitantes un folleto lembrando que as oportunidades de traballo para as mulleres no turismo abranguen ramas tan diversas como a hostalería, axencias de viaxe, compañías aéreas, congresos, consultoría, oficinas de turismo, restauración e información turística.

Ademais, durante todo o día poderá alugarse a visita audioguiada en mp3 pola metade do seu prezo e, ás 20:30 horas, haberá un sorteo de catro produtos turísticos a elixir para dúas persoas cada un.

O concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, sinalou que as mulleres non só representan máis da metade dos traballadores do turismo, senón que veñen consolidando a súa presenza protagonista e amosando a súa capacidade de converterse en axentes de cambio no turismo sostible.

Compartir: