CULTURA

Unha mostra retrospectiva no Auditorio exhibe a completa traxectoria artística do compostelán Quintana Martelo

26/09/2007 A sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle unha retrospectiva do artista compostelán Quintana Martelo, composta por sesenta obras, que se completa cunha intervención na Igrexa da USC, na que o artista recrea o seu propio estudio. A mostra, inaugurada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, estará aberta ata o 9 de decembro.

A montaxe achega á traxectoria do artista: os anos de formación en Cataluña e as primeiras pinceladas expresionistas, para despois deterse nunha extensa selección de obras das últimas décadas, cando o autor se decanta por un estilo persoal, que atravesa nos anos de Atlántica unha época marcadamente xestual. Posteriormente alenta unha figuración matizada por constantes fixas como son a construción planimétrica do cadro, a fusión nun mesmo espazo da abstracción e a figuración e plasticidade das texturas.

Retratos e bodegóns configuran algunhas das series máis coñecidas: Rodeiras, Anatomía do Obradoiro, Danae ou From Schlinder’ list. A exposición complétase cunha exhaustiva publicación en que se recollen textos explicativos da súa traxectoria e máis de duascentas obras catalogadas que ilustran a produción deste recoñecido artista compostelán.

A exposición foi organizada conxuntamente pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e a Consellería de Cultura e Deporte. Conta tamén coa colaboración da USC e do CGAC, ademais a de case cincuenta prestadores tanto de institucións (públicas e privadas) como de coleccionistas privados.

A exposición pode visitarse no Auditorio de Galicia todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (excepto os días de concerto, en que pecha ás 19:00), e na Igrexa da Universidade, de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas (os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas).

Na inauguración tamén participou o propio artista, Quintana Martelo, e a comisaria da mostra, Mercedes Rozas. Todos, visitaron tanto a parte da mostra do Auditorio como a da Igrexa da Universidade.

Compartir: