CULTURA

Compañías de 20 países traerán os seus espectáculos a unha nova edición de "Galicreques"

26/09/2007 Chega unha nova edición do Festival Internacional de Títeres "Galicreques". Do 1 ao 7 de outubro, 25 compañías de 20 países pasarán por Compostela, conformando un programa que se complementa cunha ampla oferta de obradoiros.

Entre as novidades deste ano, apuntadas polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, está a ampliación dos espazos nos que se desenvolverán os espectáculos, coa intención de "achegar o teatro de títeres a todos os públicos". Destaca neste aspecto a carpa que se colocará na Alameda.

O Festival, segundo indicou o director da Asociación Cultural Barriga Verde e do Festival, Jorge Rey, mantén as liñas fundamentais de edicións anteriores. Así, haberá espectáculos para os nenos polas mañás, para as familias polas tardes e para adultos pola noite.

A variedade volve a ser ampla en canto á elección de compañías, que proceden de países como México, Italia, Turquía, Venezuela, Arxentina, Colombia, Francia, Portugal, Bélxica, Sri-Lanka, Suíza ou Rusia, ademais das españolas e galegas. Tamén ampla é a gama de técnicas que se poderán observar no festival, como bululú, mesa, fíos, luvas, muppets, sombras, circo de pulgas, teatro ou bunraku, entre outras.

A oferta complementarase con diversos tres obradoiros: un sobre realización de títeres xigantes en placas de gomaespuma, outro sobre manipulación de títeres de luva e outro sobre a dirección de títeres. Hai xa lista de espera en todos estes cursos.

A programación complétase coa presentación do libro "Títeres Trashumantes", de Pepe Ruíz, e coa homenaxe a Pepe Otal, que se celebrará o xoves 4, ás 19:00 horas, no Teatro Principal. Proxectarase o filme "Bululús. A película", último traballo deste gran titiriteiro recentemente falecido. Ademais, incluíuse no programa a presentación dunha colección de textos de títeres.

Direcciones relacionadas



Compartir: