PLENO

O Regulamento do Pleno aposta pola transparencia na xestión e pola participación cidadá

25/09/2007 Cos votos favorables do grupo de goberno e o pronunciamento negativo do PP, quedou aprobado inicialmente o Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Santiago. Abrirase deste xeito un período de exposición pública, no que calquera poderá formular alegacións.

Este novo Regulamento, de 139 artigos, establece o Estatuto do Concelleiro, que posibilitará a creación dun Rexistro de Intereses, de carácter público e accesible para todos os veciños a través da páxina web municipal. Segundo indicou a concelleira de Réxime Interior, Rosa Fernández, neste estatuto "plásmanse os dereitos e os deberes dos mesmos xunto coas obrigas en relación á declaración de bens de incompatibilidade e a declaración de actividades e bens patrimoniais para ser incluídos no rexitro de intereses, que será público e de acceso libre para todos os veciños de Santiago".

Outra das novidades da norma é a posta en marcha d¡un Debate do Estado do Concello como mecanismo de control público da acción de goberno. Terá carácter anual.

Queixas e suxestións
O Regulamento tamén facilita unha maior participación cidadá grazas á Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, que velará polo cumprimento dos dereitos dos cidadáns. Unha oficina propia servirá como soporte administrativo desta Comisión. Nela os veciños poderán formular suxestións e queixas, das que se dará traslado a cada departamento municipal, coa obriga de respondelos no prazo máximo dun mes.

A Comisión, na que estarán representados todos os grupos municipais, será a segunda instancia para as queixas que non se resolvan por esta primeira vía. Ademais, elaborará un informe anual con todas as realizadas.

En liñas xerais, o regulamento potencia o carácter parlamentario do Pleno, nas súas facetas de debate, control e fiscalización. Ademais, indicou a concelleira, indica "a forma e o momento da presentación de enmendas e o tratamento que se dá ao tramite de audiencia e información pública, co fin de garantir a participación".

Compartir: