PROMOCIÓN ECONÓMICA

O desenvolvemento local, a debate en Compostela

25/09/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a primeira asemblea da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local (REDEL), que se celebrará no Auditorio de Galicia, en Santiago, os días 27 e 28 de setembro. No encontro repasarase o proceso de formulación da rede (estatuto e proceso de constitución) e concretaranse as accións contempladas no Plan de Actuación 2007.

O plan, aprobado o pasado 31 de xaneiro en Bilbao, contempla tres liñas de acción: reflexión sobre áreas clave de actuación, comunicación externa; e deseño, xestión e execución de proxectos. Está previsto que na asemblea se presenten os documentos de traballo de Barcelona Activa sobre autoemprego e innovación, de IMEFEF-Zaragoza sobre emprego, de Getafe Iniciativas sobre infraestruturas e de IMFOF Mallorca sobre Promoción Económica. A estas tres liñas de acción engádense as labores de xestión interna da entidade e o acceso ao financiamento.

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica participa en dúas das catro liñas de traballo da acción número tres do Plan de Actuación 2007 de REDEL, que contempla o deseño, xestión e execución de. proxectos de interese conxunto para os integrantes da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local. As áreas de actuación nas que participa Compostela son a de Promoción Económica e a de Emprendemento.

REDEL, da que Compostela é socio fundador, é unha entidade supramunicipal que se constituíu o 1 de marzo, tras un período de reflexión no que se debateu a filosofía e obxectivos da organización nunha serie de encontros aos que asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias. Ademais do Concello de Santiago, a rede está integrada polas seguintes entidades de desenvolvemento local: Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, Sevilla Global, IMEFEZ-Zaragoza, Sociedad de Desarrollo de Santa Cruz de Tenerife e Garapen. A presidencia exércea a entidade vasca Garapén, a vicepresidencia Barcelona Activa e a secretaría e tesourería a Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón.

No documento base para a constitución de REDEL, ésta defínese como "rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, da xestión do coñecemento e a colaboración buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvento local e a súa proxección a nivel internacional".

Os obxectivos de REDEL son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construir un modelo desde unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

Compartir: