ALCALDÍA

Concello e Xunta investirán 17 millóns de euros para que Santiago teña renovadas as súas principais travesías urbanas en 2010

24/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, asinaron un convenio para a realización de diversas actuacións de mellora dos contornos urbanos nos accesos a Santiago de Compostela, cara a celebración do Ano Santo 2010. A Administración autonómica achegará dez millóns de euros en catro anos para estas obras e o Concello achegará outros sete millóns.

A rede viaria que se beneficiará destas actuacións comprende as estradas dende a ponte do Romaño ata a rúa do Pombal, dende o Camiño Novo ata Volta do Castro, a avenida Castelao, a rúa Nova de Abaixo, a avenida das Fontiñas e a rúa Berlín, tamén en Fontiñas.

Segundo Sánchez Bugallo, este convenio permitirá "mellorar significativamente as principais entradas de Santiago". Indicou que permitirá a "integración urbana" de todas estas rúas e que, para a súa reforma, escollerase "un modelo semellante á estrada de Noia".

Pola súa parte, María Xosé Caride, apuntou que este acordo é "un reflexo da colaboración que debe existir entre os concellos en a Xunta". Ademais, referiuse a outras obras viarias pendentes que afectan á cidade, como son as autovías Santiago-Ramallosa e Santiago-Brión, que estarán en funcionamento en 2008. Finalmente, anunciou que o seu departamento trasladou ao Ministerio de Fomento a necesidade de "comezar canto antes" as obras do terceiro carril da AP-9.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, a construción e acondicionamento das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a implantación de servizos urbanísticos e a dotación de mobiliario urbano.

O Concello de Santiago tamén colaborará no financiamento destas actuacións cunha achega de 6.996.878 euros, distribuídos en catro anualidades. Ademais, encargarase de realizar os documentos técnicos que sexan necesarios. Segundo anunciou Sánchez Bugallo, a redacción dos proxectos das obras do convenio de travesías licitarse en outubro.

O convenio permitirá, por exemplo, mellorar o tramo entre o Pombal e a Ponte do Romaño. Neste caso a reforma farase en dous proxectos diferentes: un para o tramo entre a Finca Vista Alegre e o Pombal, e outro no tramo restante ata a Ponte do Romaño. A última das obras en acometerse será a do vieiro entre a rotonda do periférico da Rocha e o Camiño Novo, unha vez que remate o tunel que unirá Antón Fraguas coa avenida de Lugo.

Ademais da reforma da avenida de Castelao, tamén se acondicionarán as beirarrúas da avenida de Fontiñas. Finalmente, inclúese neste convenio as remodelacións da rúa Nova de Abaixo, xa en marcha, e a da rúa de Berlín, a piques de comezar.

Documentos relacionados



Compartir: