EDUCACIÓN

A Escola de Verán volve a Santiago para que os rapaces "aprendan divertíndose"

23/06/2005 Conciliar a vida laboral coa familiar é un dos obxectivos do programa de actividades de verán no que os rapaces poden "aprender divertíndose", e que no mes de xuño do ano pasado contou coa participación de 535 nenos, segundo o Departamento de Educación.

Un ano máis, o Departamento de Educación e Mocidade do Concello organiza o programa de actividades da Escola de Verán, que xunto coa colaboración de varias asociacións da cidade, constitúe unha oferta para o ocio e tempo libre dos máis cativos durante os meses de verán. Esta iniciativa, explicou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, "aproveita os recursos dos centros", co que se rendibilizan os equipamentos escolares ao tempo que se trata de "conciliar a vida laboral coa familiar".

Reciclaxe, reutilización de refugallos, saídas ao campo é a á cidade, obradoiros de barro, de cociña, de plástica, arqueoloxía, deportes, xogos populares... son algunhas das propostas da Escola de Verán, que non ten outro obxectivo que o de que os nenos "aprendan divertíndose", segundo explicou a concelleira de Educación.

Todas as actividades, que darán comezo ás 9.30 e finalizarán ás 13.30 horas, son abertas e de balde, podendo participar calquera neno de entre 6 e 12 anos, así como os de 5 acompañados por un irmán que tamén estea inscrito e asista ás actividades do centro. Tan só é preciso cubrir unha ficha de participación que se entrega na recepción o primeiro día que asistan ás actividades., que se celebrarán nos centros educativos de Pío XII, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Monte dos Postes os días 28, 29 e 30 de xuño e 1, 4 e 5 de xullo.

A partir do día 11 e ata o 29 de xullo terá lugar o Campamento de Verán, no que colabora a Cruz Vermella, e que ten un custe total de inscrición de 25 euros ou ben de 10 euros por semana. O horario é de 10 a 14 horas, se ben aquelas familias sen recursos están exentas de pagar esta cota.

Documentos relacionados



Compartir: