CULTURA

"Hendaya, mon amour": o amor triunfa fronte ao fascismo en clave de comedia musical

21/09/2007 A compañía teatral Bacana trae ao Principal unha comedia musical romántica: Hendaya, mon amour. Os días 22 e 23 de setembro, ás 21:00 horas, o público compostelán ten unha cita con Paco (Francisco Frango) e Fito (Adolfo de Hit), os protagonistas desta paródica historia de amor avalada polos premios e polas risas dos espectadores.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e César Goldi, un dos actores da obra, debidamente caracterizado para a ocasión, presentaron esta representación, incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Unha ocasión para asistir a un musical que navega por diferentes estilos musicais: twist, hip hop, balada romántica, copla, pop...

O 23 de Outubro de 1940 no punto límite entre as conquistas militares do III Reich e España tivo lugar un encontro. A partir del, a obra traza unha histriónica crónica na que o amor verdadeiro triunfa fronte ao fascismo. "Vemos o conflicto deles fronte a un mundo hostil, materialista e egoísta, e os seus problemas efectivos", apunta Goldi. Acompaña a este na representación Xulio Abonjo, tamén autor da obra.

Títulos como "Son un dictador", "Lixeiro coma o wolframio", "Planeta morriña", "Quero que ti saibas", "Supiros de España", "Tomorrow belongs to me" ou "Lili Marlene" debuxan a banda sonora de Hendaya, mon amour. Bacana contou para esta aposta musical en directo co músico Pipo Alvariño e coa Zeta Trup (formación integrada por Xulio Abonjo e Santi Martín).

Hendaya, mon amour chega avalada pola consecución dos premios FETEGA no Festival de Teatro do Carballiño á mellor montaxe e ao mellor actor, para César Goldi.

Compartir: