ALCALDÍA

Sánchez Bugallo formaliza en Estrasburgo a invitación aos actos conmemorativos do Premio de Europa

22/06/2005 O alcalde compostelán compareceu hoxe, mércores 22 de xuño, no pleno da Asemblea do Parlamento de Europa para convidar formalmente aos membros desta institución e aos alcaldes das cidades Premio de Europa aos actos de conmemoración do cincuenta aniversario da creación deste galardón, que se celebrará na capital galega os próximos días 1 e 2 de xullo.

Xosé A. Sánchez Bugallo compareceu hoxe ante o pleno da Asemblea Parlamentaria de Europa, en Estrasburgo, para convidar oficialmente aos membros do Consello de Europa e aos alcaldes e representantes das máis de 60 cidades europeas que contan con este galardón a participar nos actos que, con motivo da celebración do cincuenta aniversario da creación deste premio, se celebrarán durante os días 1 e 2 de xullo na nosa cidade. Así mesmo, Santiago será escenario da celebración do vinte aniversario da concesión do Premio de Europa a esta cidade, a única en España que desde entón ostenta esta distinción.

Durante a súa intervención, o alcalde compostelán, tras facer un perfil de Santiago, referiuse aos milleiros de peregrinos que fan o Camiño de Santiago, e salientou a semellanza entre o Camiño e a propia Europa. Lembrou tamén que "xa na Idade Media chegaban a Santiago ata 200.000 peregrinos", e engadiu, "unha experiencia que tamén hoxe pode sernos útil. Igual que agora avanzamos e retrocedemos no proceso europeo, o peregrino caía e levantábase de novo porque tiña clara a súa meta. O mesmo debe facer Europa".

A intervención de Sánchez Bugallo foi felicitada polo presidente da Asemblea Parlamentaria, René van der Linden, e mereceu o aplauso da Cámara. Previamente á súa intervención, o alcalde e a concelleira de Presidencia e Relacións Institucionais, Teresa García-Sabell, foron recibidos polo presidente da Asemblea, e mantiveron unha xuntanza de traballo co Consello de Europa para ultimar o programa de actos conmemorativos que se presentará proximamente en Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: