PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela acolle unha nova edición da feira máis relevante do norte de España dos sectores da perruquería e da estética

19/09/2007 Os días 29 e 30 de setembro, o Recinto Feiral de Amio acollerá unha nova edición de Expolook, a IV Feira Internacional de Perruquería e Estética. Este evento tense convertido xa na cita máis relevante do sector no norte de España, avalada polo éxito de expositores e visitantes nas anteriores convocatorias.

Nesta cuarta edición daranse cita as grandes empresas do ámbito da perruquería e da estética: fabricantes, laboratorios, distribuidores e grandes firmas. O obxectivo é seguir sendo un punto de encontro e plataforma de negocio para os profesionais do sector do Norte de España e Portugal.

IV Congreso de Estética e Medicina Estética
De xeito paralelo á exposición comercial celebrarase o IV Congreso de Estética e Medicina Estética. Dará a coñecer a todos os profesionais as innovacións e as últimas técnicas nos ámbitos da estética, da beleza e do benestar.

Ademais, haberá un escenario permanente que ofrecerá aos visitantes unha plataforma de exhibición de técnicas e novidades, ao longo das dúas xornadas. As actividades completaranse cunha gala dun dos máis recoñecidos equipos profesionais do mundo da perruquería: Dessange Paris

Todo este programa foi presentado polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañado polo presidente da Asociación Galega de Empresarios Maioristas de Perruquería e Estética, José Luis Otero, e pola directora de Expolook, Ana García.

Compartir: