CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rocha celebra a súa terceira Semana Cultural cunha ampla oferta de obradoiros, arte e gastronomía

17/09/2007 O Centro Sociocultural da Rocha acollerá do martes 18 ao sábado 22 de setembro a súa III Semana Cultural. O concelleiro de Centros Socioculturais, Néstor Rego, presentou o amplo programa de actividades do evento e invitou a tódolos veciños a participar.

A Semana abrirase as 19:30 horas do martes 18. Será o momento para a apertura da exposición de óleos "Señales en el Camino", de Mari Olivares Lara. Tamén alí se pode contemplar unha das entregas de "A historia vai por barrios", sobre a recuperación da memoria histórica do barrio. Esta primeira sesión completaraa a actuación musical da coral Castrosúa.

Os obradoiros de ciencia divertida, os talleres de informática, o obradoiro de vidreiras e unha exhibición de danza-oriental do ventre para nenos e nenas porán a nota lúdico-educativa da semana. Os máis novos tamén contará cunha proxección cinematográfica e cunha sesión de contacontos a cargo de Fran Insua.

A nota gastronómica poraa a cata de queixos das denominacións de orixe Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Tetilla o xoves 20. Os maiores poderán participar en xogos da memoria na aula de informática, e asistir á conferencia "Artrite, esa descoñecida", impartida polos doutores Juan Antonio García Meijide e Myriam Luz Graña.

As actividades complétanse cun concerto de música tradicional, con arpa e voz, de Nuria de León Vitoria, e cun campionato de chave. E para rematar a Semana Cultura, o sábado 22, a partir das 19:00 horas, misa de campaña na honra de Santa Eufemia, acompañada logo dunha sardiñada e dunha actuación musical, organizadas pola asociación veciñal Serafín Zas.

Compartir: