BENESTAR SOCIAL E RELACIÓNS VECIÑAIS

Continúan a bo ritmo as obras das novas sedes para as asociacións veciñais e de servizos sociais

14/09/2007 Unha vez inaugurada a nova sede de Benestar Social, en Galeras, o seguinte edificio en poñerse en marcha será a Casa das Asociacións de Servizos sociais, en Salgueiriños. Segundo o alcalde, as obras avanzan a bo ritmo, coa idea de "rematar as obras en torno ao 30 de outubro e abrir o edificio en xaneiro".

Este edificio será o centro de referencia para todas as entidades de iniciativa social de Compostela e que contribúen á mellora da calidade de vida dos cidadáns a través da súa acción. Na Casa, as asociacións terán á súa disposición un equipamento para desenvolver as súas actividades e poñer en marcha proxectos de intervención social.

Tamén continúan a desenvolverse as obras na futura Casa das Asociacións, na antiga estación de ferrocarril de Cornes, que servirá de punto de encontro para as asociacións veciñais de Compostela. Neste caso, a previsión de apertura apunta á primavera de 2008, unha vez rematadas as obras e habilitado un acceso "en condicións razoables", apuntou o alcalde.

Neste sentido, será importante tamén a marcha das obras do cuarto xiro de Cornes, que este mes de setembro podería estar asfaltado. Sánchez Bugallo apuntou un acordo entre as empresas que desenvolven os SUP 2 e 3 e a que acomete o cuarto xiro, de xeito que o asfaltado deste se aproveite para as rúas destas urbanizacións e solucionar as conexións de Romero Donallo e Cornes con Pontepedriña.

Compartir: