ALCALDÍA

O alcalde agarda novos pronunciamentos a favor da Cidade da Cultura fóra do ámbito de Santiago

14/09/2007 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reiterou o seu apoio ao proxecto da Cidade da Cultura, "un dos maiores retos de Santiago e de Galicia para o futuro". "Temos a responsabilidade de garantir a rendibilidade e o acerto deste investimento", apuntou.

Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción co apoio manifestado polos axentes sociais e polos concellos da comarca, e amosou a súa confianza en que "este apoio vaia transcendendo fóra do ámbito de Santiago". Na propia cidade, está previsto o pronunciamento o luns 17 do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais.

Respecto da posta en marcha da comisión de investigación sobra a Cidade da Cultura no Parlamento de Galicia, o alcalde dixo que "aínda que a nosa prioridade é mirar para adiante, concluír as obras e asegurar o seu bo funcionamento e rendibilidade, ofrecemos a total e absoluta colaboración ao Parlamento en todo o que nos puidera ser requirido". En calquera caso, indicou, "todos temos que empezar a poñer ilusión neste proxecto, a ser positivos e actuar en consecuencia".

Respecto dos críticos co proxecto, o rexedor compostelán manifestou que "con este tema vaise visualizar quen ten unha visión de conxunto e quen só mira para o seu".

Compartir: