PROMOCIÓN ECONÓMICA

O atelier de moda Pret-a-couture Belén Mosquera faise co primeiro premio do Concurso de I+C

14/09/2007 A segunda edición do Concurso de Imaxinación máis Comercio (I+C) xa ten gañadores. O atelier de moda Pret-a-couture Belén Mosquera fíxose co primeiro premio. O centro de estética Saúde e Beleza e a xoiería artesá Katuxa Platero Seoane recibiron os outros dous galardóns.

O tenente de alcalde, Néstor Rego, deu a coñecer o nome dos gañadores do certame, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e que conta cun orzamento de 8.500 euros. Este premio recompensa o esforzo innovador no pequeno comercio, achegando medios financieiros para que os establecementos comerciais poidan desenvolver estratexias personalizadas de comunicación e mercadotecnia.

O atelier de moda Pret-a-couture Belén Mosquera, que logrou o primeiro premio, recibirá 5.000 euros en metálico. É un taller de deseño e confección, ubicado na rúa Porta da Pena, 10. Está especializado en vestidos de noivas, madriñas de voda, comunións e traxes de festa. En segundo lugar quedou o centro de estética Saude e Beleza, que percibirá 2.500 euros. Está situado na rúa Rosalía de Castro, 1, 1º B e ofrece innovadores tratamentos faciais e corporais. O comercio clasificado en terceiro lugar, a xoiería artesá Katuxa Platero Seoane, recibirá un importe de 1.000 euros. Está ubicada na rúa Algalia de Arriba, 13.

Nestes proxectos, o xurado valorou especialmente a orixinalidade, ambientación, eficacia da mensaxe publicitaria, e a innovación e cambio operado na imaxe e estado do comercio co proxecto de I+C.

Realización de proxectos
As contías que recibirán os premiados téñenas que destinar á realización dos proxectos gañadores e deberanas xustificar mediante facturas. Os premios nunca poderán acadar o 100% do orzamento dos proxectos a executar, debendo facer o beneficiario unha achega propia de, cando menos, o 10%. O gañador de 2006 foi a tenda de moda Zürich SCQ.

Os comercios que se inscribiron no Concurso de I+C presentaron proxectos de campañas de difusión e promoción comercial, deseño de novas imaxes corporativas, proxectos de reforma para a rotulación, iluminación ou decoración de interiores ou calquera outra caste de iniciativas que permitan mellorar a visualización da oferta comercial de Compostela. Os proxectos gañadores deben executarse no 2007.

O Concurso de I+C enmárcase no Plan de Excelencia Comercial (PEC), dentro da liña Plan de dinamización e promoción económica e baixo a marca "Compostela, capital de compras".

Compartir: