FUNDACIÓN GRANELL

Unha exposición amosa a vixencia do surrealismo en Canadá

21/06/2005 O 24 de xuño ás 20 horas, no primeiro andar do pazo de Bendaña, inaugurarase a mostra "Surrealismo Costa Oeste: unha perspectiva desde canadá". Esta exposición forma parte do ciclo de surrealismo internacional co que a Fundación pretende constatar a vixencia do corpus estético do surrealismo a nivel internacional.

O Grupo Surrealista da Costa Oeste, de Canadá, no que participan os artistas Gordo Payne, Martín Guderna, Prina Granirer e Greg Simpson será o protagonista da mostra que se inaugurará o venres 24 de xuño. Nela poderanse ver preto de 40 obras, a maioría feitas en formato bidimensional partindo de diferentes técnicas como o collage, o gravado, os debuxos con grafito, e as técnicas mixtas que empregan pintura e collage ó mesmo tempo, instalación, etcétera.
Así mesmo, a exposición constará dunha parte documental formada por diversas publicacións, e unha proxección a través da que o público poderá achegarse ó proceso creativo dos artistas participantes, para acadar unha visión máis ampla de cada un de deles.

A estrutura da mostra está formulada de cara ós espectadores, tanto para o disfrute directo das producións desta escolla de arte surrealista canadense, como para achegarnos por medio dunha escolla de documentación, ó que supón en Canadá a implantación da estética surrealista como un fenómeno máis amplo.

Este grupo conta cunha longa traxectoria, e pertence a toda unha serie de iniciativas artísticas arredor da estética do surrealismo, que tivo e ten unha grande implantación en Canadá. Os catro artistas que participan nesta mostra chegaron á costa oeste canadense dende diferentes puntos do planeta , uns viñeron procedentes de Europa como a rumana Prinna Granirer, que vive en Israel e EEUU antes de mudarse a Canadá ,ou Martin Guderna, que deixou Checoslovaquia en 1968 e viviu en Italia anteriormente. Outros como Gordon Payne (nacido na Columbia Británica) ou Gregg Simpson chegan a Vancouver dende outros lugares de Canadá.

Estes artistas son testemuña da vitalidade actual da estética surrealista en Canadá, e as obras que expoñen nesta mostra son fillas dunha cultura híbrida onde "o europeo fusiónase co asiático e cunha especie de cultura americana que era, pola súa vez, un híbrido". Nun lugar coma Vancouver, onde a maioría da xente procede doutros lugares, en primeira instancia as persoas aférranse ás súas culturas milenarias, pero máis adiante, nas seguintes xeracións, aceptan como súa a establecida cultura híbrida indíxena.

Compartir: