EDUCACIÓN

Case 4.000 alumnos de Primaria comezan con normalidade o novo curso escolar

12/09/2007 A normalidade foi a nota predominante no inicio do curso 2007-2008 nos centros escolares de Compostela. Así o comprobou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que visitou o colexio Pío XII acompañado pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

O Pío XII é un dos quince centros públicos de Primaria cos que conta Santiago e acolle 675 alumnos dos case 4.000 totais. "Empeza o curso con case total normalidade, porque hai que buscar unha solución provisional para o comedor, porque o definitivo estase construíndo", apuntou o alcalde.

Preto de 200 alumnos acolleranse ao servizo de comedor neste centro, dos máis de 700 que o farán en toda a cidade. Todos os colexios composteláns con espazo suficiente e que así o solicitaron, trece dos quince, ofrecerán esta posibilidade do comedor.

No resto de colexios e á marxe de pequenas obras pendentes de rematar e que non afectan ao desenvolvemento das clases, estas comezaron sen incidencias neste curso, o primeiro de implantación da nova Lei Orgánica de Educación (LOE) para alumnos de 1º e 2º de Primaria e de 1º e 3º de Educación Secundaria Obrigatoria. Entre as novidades da norma está, por exemplo, a ensinanza do inglés a partir dos seis anos.

Madrugadores
Sánchez Bugallo deu as grazas "aos funcionarios da Consellería de Educación e da Concellería de Educación, que fixeron un importante esforzo para que todos os centros estiveran listos, así como aos directores e persoal dos centros educativos". Ademais, anunciou a previsión de ampliar programas como o de madrugadores, que facilita a compatibilización vida familiar e laboral". A iniciativa xa funciona nos centros Pío XII, López Ferreiro e Lamas de Abade.

Pola súa parte, a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez animou á comunidade educativa, á que lle desexou "un curso bo e produtivo".

Compartir: