CONSORCIO

Santiago recibe un ano máis a persoeiros da máxima relevancia científica mundial

12/09/2007 Tralo éxito acadado en 2006, o Consorcio de Santiago organiza de novo en colaboración coa Universidade unha nova edición do Programa "ConCiencia", de divulgación científica. A principal novidade organizativa deste ano é o lugar e horario dos actos centrais, pois nesta edición os actos xerais celebraranse en locais situados fóra do campus universitario e en horarios máis accesibles (arredor das 20 horas), para favorecer a asistencia do público en xeral.

Esta iniciativa pretende a divulgación científica a cargo de figuras do máximo nivel internacional e proxectar a imaxe da cidade de Santiago de Compostela como foco universal do pensamento. Como sinalou o reitor da Universidade, Senén Barro, trátase de "configurar a Compostela como cidade das culturas e do coñecemento". Ademais, estas visitas pretenden trazar pontes para o contacto científico entre os persoeiros visitantes e o corpo de investigadores da USC.

Estas bases diferencian o programa ConCiencia de calquera outra iniciativa de divulgación científica, posto que buscan, á marxe da clásica conferencia ou acto puntual, a rendibilización da visita dun gran persoeiro da ciencia favorecendo o seu contacto con especialistas locais, segundo apuntou o coordinador do programa, Jorge Mira.

Tamén o alcalde destacou a novidade deste ano, ao achegar máis ao público en xeral a estes destacados especialistas. "É un salto máis deste programa, que o traslada ao conxunto da sociedade", dixo.

Determinación da ATP
O primeiro en achegarse a Compostela será, os días 3 e 4 de outubro, o británico John E. Walker, Premio Nobel de Química en 1997. A el débese o descubrimento do mecanismo enzimático que está detrás da síntese da ATP (adenosina trifosfato).

A ATP é a moeda de intercambio enerxético do noso corpo e rexe a vida dun organismo: case calquera proceso que se realiza nel debe gastar enerxía, e esa enerxía só sae grazas á ATP.

Walker foi quen determinou a secuencia de proteínas e a estrutura das enzimas que levan á formación da ATP, un traballo clave para a comprensión do funcionamento dos seres vivos e que lle mereceu os maiores recoñecementos. É unha das figuras punteiras da bioloxía molecular actual, un campo dos máis activos da ciencia mundial.

O descubridor da liberdade asintótica
Logo, o 18 e o 19 de outubro, participara no programa o norteamericano Frank Wilczek, Premio Nobel de Física en 2004. É o descubridor da chamada liberdade asintótica na teoría da interacción forte.

Só catro tipos de forzas fundamentais son as que rexen o universo: a gravitatoria, a electromagnética, a chamada forza débil (responsable da rotura espontánea de certos núcleos atómicos e a súa radiactividade) e chamada forza forte. Esa forza forte é a que une os cachos máis pequenos de materia coñecida: os quarks. Wilczek explicou, con tan só 22 anos, cómo funcionaba esa forza, que ademais faino dun xeito sorprendente e antiintuitivo: canto máis preto están uns quarks dos outros, menos forza exercen entre si.

Ese descubrimento foi clave para o desenvolvemento dunha das ramas máis básicas da física: a cromodinámica cuántica. Wilczek é ademais un reputado divulgador en revistas científicas norteamericanas.

Matemática computacional
O terceiro participante será Peter D. Lax (USA), Premio Abel 2005, que estará en Santiago os días 30 e 31 de outubro. O Premio Abel, outorgado polo rei de Noruega á imaxe e semellanza dos Premios Nobel en Suecia, premia aos mellores matemáticos do mundo (non hai Premio Nobel de Matemática).

O xurado que concedeu o Abel a Lax en 2005 fíxoo "polas súas rachadoras contribucións á teoría e aplicación de ecuacións diferenciais parciais e a computación das súas solucións". Lax é un dos principais prodixios matemáticos so século XX, considerado o "matemático máis versátil da súa xeración", con contribucións a moitas ramas da matemática e tamén un dos fundadores da matemática computacional moderna.

A súa vida científica é apaixoante: húngaro de orixe, foi perseguido polos nazis na súa adolescencia e rematou nos Estados Unidos onde foi descuberto por outro gran científico de orixe húngaro, John von Neumann. Este fixo del o seu protexido ao decatarse das súas prodixiosas capacidades, presentoullo a Albert Einstein e introduciuno na elite científica dos EE.UU. En 1945, con tan só 19 anos, o mozo Peter Lax integrábase no famoso Proxecto Manhattan, que construíu a primeira bomba atómica (el dedicouse ao transporte de neutróns).

Unha mente marabillosa
Finalmente, na segunda ou terceira semana de novembro, "Conciencia" contará coa presenza de John F. Nash, Premio Nobel de Economía en 1994. Dende o punto de vista mediático é o participante estrela desta edición. A razón é o gran eco popular que acadou a súa vida logo de ser contada na oscarizada película Unha mente marabillosa, dirixida por Ron Howard e protagonizada por Russell Crowe e Jennifer Connelly. O filme contaba a súa evolución científica, claramente marcada pola esquizofrenia, da que conseguiu unha notable recuperación.

Este matemático recibiu o Nobel pola súa análise pioneira do equilibrio na teoría de xogos non cooperativos e os procesos de negociación. A teoría de xogos é unha área da matemática aplicada (fundada por John von Neumann) que utiliza modelos para estudar interaccións en estruturas formalizadas de incentivos (os chamados xogos), de clarísimo paralelismo cos sistemas económicos (de aí a súa importancia). Os investigadores desta área estudan as estratexias óptimas así como o comportamento previsto e observado dos individuos en competición.

Compartir: