PLENO

Os tres grupos municipais defenden en Pleno o remate do proxecto da Cidade da Cultura nos prazos previstos

12/09/2007 A Corporación municipal celebrou un Pleno extraordinario, no que os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade unha declaración institucional en defensa do proxecto da Cidade da Cultura. O documento avoga pola "conclusión da Cidade da Cultura con fidelidade ao proxecto arquitectónico aprobado pola Xunta de Galicia, do cal xa se executou o 60% do orzamento"

A declaración considera "extemporáneo e inxustificable" que "se poña cuestión o remate dunha obra destas características oito anos despois do seu comezo e con máis da metade da construción concluída. Os tres grupos apostan por converter a Cidade da Cultura "nun motor de desenvolvemento para Galicia" e por contribuír a que o proxecto do Monte do Gozo "se integre de xeito óptimo na cidade de Santiago e se relacione da forma máis eficiente posible cos grandes nodos de comunicación co resto de Galicia, España e Portugal".

Tamén hai na declaración palabras de agradecemento para a defensa do proxecto realizada por "concellos veciños e asociacións e corporacións que representan intereses económicos e cidadáns". Finalmente afírmase que é fundamental aproveitar a iniciativa para consolidala como "gran destino turístico internacional, porta de entrada e símbolo de Galicia no mundo".

Na súa intervención, o alcalde insistiu no contido da declaración, cuxa xestación cualificou coma unha mostra de "madurez, responsabilidade e servizo aos cidadáns de Santiago", ao ter coincidido no fundamental, "na defensa do proxecto". Sánchez Bugallo destacou que a Corporación compostelá se situaba así "na defensa do mellor para Galicia" e asumía o esforzo de "integración do proxecto na cidade".

En semellantes termos se pronunciou o tenente de alcalde, Néstor Rego, quen indicou que "sería inxustificable" non rematar a obra. Apuntou a "claridade e contundencia" dun apoio que "é respectuoso coas decisións que teña adoptado a Xunta e coas decisións que sobre a xestión se teñen tomado". "Asumimos o compromiso de que este proxecto teña a máxima calidade e se inxira dende o punto de vista físico e cultural na cidade", concluíu.

Pola súa parte, a voceira do grupo municipal socialista, Marta Álvarez-Santullano, tamén demandou a conclusión dun proxecto que é "a inversión máis importante asumida pola Comunidade Autónoma na súa historia". Defendeu a Cidade da Cultura como "un proxecto de Estado para Galicia con sede en Santiago" e a necesidade de convertela nunha "realidade con sentido, útil á Galicia do século XXI" e nunha "referencia mundial". "Non é o momento para debates tardíos oito anos despois da posta en marcha do proxecto", dixo.

Finalmente, o voceiro do grupo municipal popular, Gerardo Conde Roa, manifestou o apoio "á declaración institución e ás xestións futuras que se fagan para que este obxectivo se cumpra". Non obstante, manifestou unha vez máis o seu desacordo "co destino final da Cidade da Cultura".

Documentos relacionados



Compartir: