EDUCACIÓN

Os centros escolares de Compostela teñen xa á súa disposición a oferta de programas e recursos de Educación para o curso 2006-2007

11/09/2007 Como cada comezo de curso, a Concellaría de Educación presenta a oferta de programas e recursos para os centros escolares. A responsable do departamento, Guadalupe Rodríguez, cualificou a guía deste ano como "ampla, diversa e completa", co obxectivo de lograr "un ensino integral".

"Educar é máis que ensinar", apuntou a concelleira de Educación a propósito dos fins desta lista de recursos e programas, enmarcados no obxectivo xeral de converter a Compostela nunha cidade educadora. A publicación recolle abondosa información, incluída a dos novos equipamentos que entran en funcionamento neste curso. Reflíctense os distintos programas, as subvencións, un directorio de entidades e institucións que desenvolven programas educativos, os datos básicos dos centros de ensino non universitario de Santiago e mesmo datos de matrícula e participación do curso 2006-2007.

Guadalupe Rodríguez aproveito para solicitar a participación da comunidade educativa nas diversas actividades. Neste sentido, lembrou que a Guía inclúe unha folla de inscrición na que cada centro poderá ir anotando os programas nos que quere participar. A publicación será repartida en tódolos centros educativos da cidade.

Os programa de dinamización educativa reflicten cada ano unha maior participación dos escolares. Como mostra, destacan actividades coma as do Programa de Nadal, que en 2006 rexistrou 24.730 participantes. Séguenlle en número o Programa de Animación á Lectura (15.895) e os programas de Tempo Libre para o Verán (14.916). Tamén salientan os programas de Utilización Didáctica da Cidade "Vivir Santiago", de Teatro, de Música e Danza, de Educación Ambiental, de Educación para a Paz ou de Seguridade e Autoprotección nos Centros Escolares.

Normalidade no comezo do curso
A propósito do comezo do curso, a concelleira de Educación apuntou que se está a desenvolver "con toda normalidade". Ademais, lembrou que "tódolos centros da cidade con espazo e que o solicitaron están preparando os seus comedores".

Compartir: