CULTURA

O concerto inaugural do VIII Ciclo de Lied contará con Susan Bickley, Stephan Loges e o pianista Roger Vignoles

10/09/2007 O martes 11 de setembro terá lugar o concerto inaugural do VIII Ciclo de Lied Santiago de Compostela. O concerto, que comezará ás nove da noite no Teatro Principal, contará coa presenza da mezzosoprano inglesa Susan Bickley, do barítono alemán Stephan Loges e do pianista Roger Vignoles, que interpretarán un programa dedicado a William Shakespeare.

Unha das características orixinais e definitorias do Ciclo de Lied de Santiago é presentar cada ano unha visión diferente deste xénero escasamente difundido a través de temáticas concretas. Probablemente a deste ano, baixo o título "Teatro, canción, cabaré", sexa a máis heteroxénea e variada de todos os programas destes oito anos.

O teatro, en concreto a través da obra do xenial dramaturgo inglés William Shakespeare, tamén se transformou en canción. As súas obras, a súa poesía, foi e é unha inesgotable fonte de inspiración musical: dende o Barroco ata os nosos días, multitude de compositores escribiron cancións con fragmentos das súas pezas teatrais. Poderanse escoitar, neste primeiro concerto, cancións de músicos tan diferentes como Haydn, Schubert, Castelnuovo-Tedesco, Arne, Tippett, Bridge, Warlock, Horovitz ou Parry.

Este ciclo, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración coa Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, consta de catro concertos que se celebrarán ao longo dos meses de setembro e outubro. "Teatro, canción, cabaré" é o título desta oitava edición do Ciclo de Lied Santiago de Compostela na que participarán ademais outros artistas de recoñecido prestixio internacional como a soprano sueca Miah Persson (venres 21 de setembro), o barítono alemán Stephan Genz (luns 8 de outubro) e a soprano canadiense Measha Brueggergosman (mércores 10 de outubro).

Compartir: