ALCALDÍA

Os empresarios composteláns e a Mancomunidade manifestan tamén o seu apoio ao proxecto da Cidade da Cultura

10/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza cos representantes dos empresarios composteláns, na que estes se sumaron tamén ao apoio ao proxecto da Cidade da Cultura. Na xuntanza participaron o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel; e os presidentes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca (Restauración e Hospedaxe), Juan Silva e Manuel González. Posteriormente, reuniuse cos alcaldes dos municipios da Mancomunidade de Santiago, que tamén se sumaron a este apoio.

Na comparecencia conxunta posterior ante os medios de comunicación, Sánchez Bugallo destacou a importancia de que "os sectores sociais asuman protagonismo para que non pareza un asunto meramente administrativo e alonxado da sociedade". O alcalde insistiu unha vez máis en que a Cidade da Cultura "é o maior investimento acometido pola Comunidade Autónoma de Galicia, pero trátase dun investimento para o conxunto de Galicia non só para Santiago, polo que temos a obriga de que sexa rendible para o conxunto dos galegos".

Concello e empresarios comprometéronse a manterse informados mutuamente das actuacións que desenvolvan respecto a este tema. "Este é o punto no que estamos hoxe e, máis adiante, o obxectivo e converxer as dúas partes do movemento na creación dun organismo que teña como misión a defensa da Cidade da Cultura e mesmo pelexar porque se cumpran os prazos da mesma", apuntou o alcalde.

Pola súa parte, en nome dos empresarios falou o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, quen resaltou a necesidade de cambiar a percepción negativa que estaba a xurdir da Cidade da Cultura. "Ten que ser un referente de Galicia no mundo en pouco tempo", indicou a propósito dun proxecto do que intentarán recoller o apoio doutros axentes sociais, para crear a plataforma anunciada por Sánchez Bugallo.

Reunión da Mancomunidade
Pouco despois da xuntanza cos empresarios, o alcalde presidiu nunha xuntanza extraordinaria da Mancomunidade de Santiago, na que se acordou que cada un dos concellos integrantes se sumará en Pleno ao apoio á Cidade da Cultura a través de declaracións institucionais.

Ademais, Sánchez Bugallo anunciou que manterá reunións con alcaldes doutros concellos non integrados na Mancomunidade, pero moi vinculados a Santiago para concretar tamén este compromiso. "O obxectivo –lembrou novamente- é formar unha plataforma coa participación de institucións, organizacións e concellos, e a partir de aí falar co resto de organizacións de Galicia para transmitirlles unha dobre mensaxe: que non se pode malgastar o investido e que hai que converter a Cidade da Cultura nun patrimonio dos galegos".

Nesta mesma liña se pronunciou o alcalde de Ames, Carlos Fernández: "A Cidade da Cultura non é só un proxecto para a cidade de Santiago, senón para comarca e por extensión para toda Galicia. Agora o que temos que facer é enchelo de contido".

Compartir: