EDUCACIÓN

Remata a Escola de Verán coa participación de máis de 2.000 nenos

06/09/2007 O venres 7 de setembro finalizan as actividades da sexta edición da Escola Municipal de Verán, que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coas diversas asociación da cidade, como Don Bosco, Asociación Galega para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Xuvenil Cruz Vermella e Fundación Fesán entre outros, nos CEIP de Fontiñas, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Pío XII.

A evolución dos datos de participación (a falta de coñecer os datos da derradeira xornada) sitúanse en máis de 2.000 nenos e nenas de Compostela, dos que 1.252 corresponden ao mes de xuño. Esta iniciativa tenta rendibilizar os equipamentos escolares coma un espazo de aprendizaxe no tempo de verán, onde os nenos e as nenas poidan expresarse libremente, relacionarse e compartir.

Entre os obxectivos que se pretenden alcanzar con esta proposta está o ofrecemento dun espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para eles e para as familias, no tempo de vacacións. Os centros de ensino constitúen un referente idóneo para a posta en marcha do programa, polo seu equipamento, pola distribución territorial e pola seguridade.

Compartir: