CULTURA

O Ciclo de Lied reúne na súa oitava edición máis a algúns dos máis reputados cantantes líricos do mundo

06/09/2007 "Teatro, canción, cabaré" é o título da oitava edición do Ciclo de Lied, que comeza o 11 de setembro no Teatro Principal. Catro concertos e unha conferencia integran o programa deste ano, que confirman o evento coma un certame lírico de referencia en España, onde unicamente se celebran outros dous ciclos de lied, en Madrid e Valencia.

O calendario de concertos foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, acompañado polo director da Asociación Galega de Lírica, Víctor Carou, e polo director-xerente da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar. Todos eles destacaron a calidade do Ciclo, a súa especificade –ao dedicarse cada ano a un tema distinto– e a boa acollida do público.

Os concertos comezarán o martes 11 de setembro, cunha sesión denominada "Shakespeare songs", na que se interpretarán pezas inspiradas nas escenas das obras do célebre dramaturgo de Stanford. A mezzosoprano Susan Bickley, o barítono Stephan Loges e o pianista Roger Vignoles deleitarán ao público con obras de Schubert, Quilter, Parry, Warlock, Haydn, Arne, Rubbra, Horovitz, Foulds, Castelnuovo-Tedesco, Tipett, Bridge ou Dankworth.

O venres 21 de setembro subirá ao escenario a soprano Miah Persson. Interpretará obras de Brahms, Liszt, Strauss, Nystroem, Stenhammar e Grieg. Xa en outubro, o día 8, o barítono Stephan Genz cantará as pezas do autor austríaco Hugo Wolf, que musicou os poemas de autores como Goethe, Michelangelo, Mörike ou Eichendorff. E para rematar o ciclo de concertos,o 10 de outubro, vez para a soprano Measha Brueggergosman, que interpretará temas da época dourada do cabaré. Britten, Rorem, Schoenberg, Poulenc, Bolcom e Satie integran o repertorio deste concerto.

Os concertos celébranse ás 21:00 horas. O custo dos abonos para catro concertos é de 15 euros e estarán á venda o 7 e o 10 de setembro. As entradas soltas teñen un custo de seis euros e páranse á venda o día de cada concerto no despacho de billetes do Teatro Principal.

Ademais dos concertos, hai programada unha conferencia para o luns 10 de setembro, ás 20:00 horas, na Facultade de Xeografía e Historia. Roger Vignoles, quen estará ao piano en tódolos concertos e xa un fixo neste evento, falará de "Teatro, canción, cabaré". A entrada é libre.

Documentos relacionados



Compartir: