PROMOCIÓN ECONÓMICA

Péchase o prazo de inscrición no Curso de especialista en asistencia persoal

05/09/2007 O xoves 6 de setembro remata o prazo inscrición no Curso de especialista en asistencia persoal, enmarcado no Proxecto Persoa III, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O programa ten como obxectivo promover a integración laboral de desempregados a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas como novos xacementos de emprego. A actividade formativa, da que se ofertan 15 prazas, está destinada, como colectivos preferentes, a mulleres, mozas/os, maiores de 45 anos e emigrantes retornadas/os, que se atopen en situación de desemprego.

Os participantes no Curso de especialista en asistencia persoal recibirán unha beca de asistencia de 285 euros ao mes durante o período de formación teórica e prácticas en empresas. As persoas interesadas poden informarse nas oficinas do Proxecto Persoa, ubicadas na Rúa Pérez Constanti número 4; nos teléfonos 981.54.30.60, 618.509.290 e 618.509.278; ou na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

O obxectivo do curso é formar especialistas capaces de dar resposta ás distintas necesidades de apoio que presentan as persoas con diversidade funcional, e que empezan a ser consideradas a partir da aplicación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. A inscrición formalizarase no Rexistro Xeral do Concello. Os modelos de solicitude están a dispor dos aspirantes no Rexistro Xeral e na Oficina de Información do Concello. Xunto coa solicitude, os interesados deben achegar unha fotocopia do DNI, un Curriculum Vitae documentado e a copia da Tarxeta de demandante de emprego.

51 persoas das 90 que participaron en algunha das seis especialidades impartidas ata agora no Proxecto Persoa III accederon ao mercado laboral. Esta cifra representa o 57% do total. As actividades formativas desenvolvidas a través do programa céntranse no sector de servizos de atención a persoas maiores, nenos, e discapacitados, que constitúen un novo xacemento de emprego. O proxecto, ademais da formación teórica, contempla actividades complementarias para facilitar o acceso ao mercado de traballo. Estas actividades son un proceso de orientación socio-laboral guiado por titores, formación ocupacional experimental, formación nas habilidades sociais básicas para a procura de emprego, prácticas en empresas, alfabetización informática, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero e acompañamento para a inserción.

Compartir: