CULTURA

Lied e cine mudo na programación cultural de setembro

05/09/2007 Un Ciclo de Cine Mudo con música en directo e o VIII Ciclo de Lied son algúns dos eventos máis destacados da programación cultural do mes de setembro, presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Todo isto acompañado de teatro galego e exposicións.

Do 15 ao 19 de setembro chegará ao Principal un Ciclo de Cine Mudo, no que se proxectarán os filmes Amencer, de F.W. Murnau; O presidente, de C.T. Dreyer; O maquinista da xeneral, de Buster Keaton; e Luces da cidade e O rapaz, ámbolos de Charles Chaplin. A peculariedade deste ciclo vén da man da música en directo, ao xeito en que estes filmes mudos se proxectaban no seu tempo.

O capítulo musical terá como protagonista o VIII Ciclo de Lied, que se desenvolverá os días 11 e 21, con continuidade en outubro, no Teatro Principal. Prestixiosos intérpretes, como a soprano Miah Persson, a mezzosoprano Susan Bickley, o barítono Stephan Loges ou o pianista Roger Vignoles participarán neste evento lírico, convertido xa nun clásico en Compostela e nun referente en España.

A música clásica tamén virá da man da Real Filharmonía de Galicia, que abre temporada de abono cun concerto na catedral de Santiago. Paul Daniel dirixirá á orquestra nun concerto no que será protagonista o violín e no que se interpretarán obras de Rameau, Vivaldi, Purcell, Williams e Mozart. Será o xoves 27.

Teatro galego
Santiago tamén recibirá durante setembro as actuacións de varias compañías galegas de teatro. O sábado 8 Galitoon representará para os máis novos a obra "Golulá". O 12 e o 13 será a vez de Lagarta Lagarta, que representa "As últimas lúas", de Furio Bordón. Xa para o 22 e o 23 queda a actuación de Bacana con "Hendaya mon amour", de Xulio Abonjo. E para pechar o mes, os días 27 e 28, Sarabela Teatro interpreta "Macbeth", de William Shakespeare. Todas as representacións, no Teatro Principal.

A programación cultural complétase coa apertura da exposición do artista compostelán Quintana Martelo, que se desenvolverá conxuntamente no Auditorio de Galicia e na Igrexa da Universidade do 26 de setembro ao 5 de decembro. Outra mostra, a de Mauro Trastoy, estará na Zona C dende o xoves 20.

Compartir: