PROMOCIÓN ECONÓMICA

Sete proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais de Compostela Activa

03/09/2007 Artefacto Producciones, ELA Enxeñería e Medio Ambiente, Adestra Vida, I+D SL, ASLI Axencia de Servizos Lingüísticos Integrais, EIRADO Consumidores de Produtos Ecolóxicos e O Gato Verde foron os sete proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2007. Presentáronse 27 proxectos empresariais a este certame, que estimula e apoia a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a posta en marcha do proxecto empresarial.

O concurso, que conta cun orzamento de 36.000 euros, divídese en tres modalidades. Á edición xeral presentáronse 27 solicitudes, á ideas empresariais promovidas por mulleres 20 e, á de novas ideas empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional (novidade nesta edición), cinco solicitudes. En cada unha das modalidades establécense tres premios en metálico: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 euros e o terceiro de 3.000 euros.

O gañador na edición xeral foi Artefacto Producciones, unha produtora especializada en animación. O segundo posto ocupouno ELA Enxeñería e Medio Ambiente, unha consultora que ten como eixes o medio ambiente, a enerxía e a enxeñería. O terceiro premio foi para Adestra Vida, que presta servizos a persoas maiores ou discapacitadas.

Na modalidade de novas ideas promovidas por mulleres a empresa gañadora foi I+D , centrada no ámbito da biotecnoloxía aplicada á cirurxía estética. O segundo premio recaeu na cooperativa ecolóxica EIDAO, dedicada á venda polo miúdo de produtos ecolóxicos. Finalmente, fíxose co terceiro posto ASLI Axencia de Servizos Lingüísticos Integrais.

Na categoría de ideas promovidas por titulados de Formación Profesional, o xurado acordou deixar desertos os dous primeiros premios. O terceiro correspondeu a O Gato Verde.

Máis inscricións
O volume de inscricións no concurso incrementouse un 62,9% respecto á edición de 2006, á que se presentaran 17 proxectos. Dous dos proxectos presentáronse conxuntamente ás tres modalidades, ao cumprir os requisitos de ser promovidos por mulleres tituladas en FP. Outros 18 presentáronse á edición xeral e á promovida por mulleres, e tres á edición xeral e á promovida por titulados en FP. Todos os proxectos concursaron na edición xeral do certame.

A Comisión de Expertos realizou a valoración dos proxectos en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorará a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

Compartir: