REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

Remata o prazo de preinscrición na Aula de renovación urbana e rehabilitación

20/06/2005 O 20 de xuño ás 14 horas finaliza o prazo para aqueles que queiran inscribirse na Aula de renovación urbana e rehabilitación que o Concello pon en marcha coa colaboración da Xunta. A matrícula estará aberta do 21 ao 25 de xuño, na Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O 30 de xuño dará comezo a Aula de renovación urbana e rehabilitación, un curso recoñecido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) que pón en marcha a Oficina da Cidade Histórica e rehabilitación do Concello coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do COAG e a facultade de Xeografía e Historia da USC.

Este curso está enmarcado dentro do l Programa de Asistencia e Xestión Urbana Sostíbel (PAGUS), que financia a matrícula, dentro da iniciativa comunitaria Interreg-III C Sur, e conta coa participación de Santiago de Compostela-Galicia e Andalucía (España), Umbría (Italia), Miño (Norte de Portugal), Tracia-Macedonia (Grecia) e Malta.

O programa, dirixido a arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, xeógrafos, economistas, avogados, arqueólogos, sociólogos e outros profesionais relacionados coa renovación urbana e a rehabilitación, conxuga a formación práctica e teórica co intercambio de experiencias entre as rexións participantes. Durante o curso analizaranse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que respondan a problemas actuais dos centros históricos de Galicia. O desenvolvemento destes proxectos compleméntanse con cursos, seminarios e charlas que tocarán as distintas disciplinas necesarias nos procesos de renovación urbana.

Deste xeito, Santiago contribuirá á formación de especialistas na recuperación de espazos urbanos e rehabilitación, que poderán ter unha titulación de Máster ou de especialista, ou ben os correspondentes de posgrao. As clases impartiranse entre o 30 de xuño deste ano e o 31 de marzo de 2006 no futuro edificio da Facultade de Filosofía de Santiago, na Praza de Mazarelos.

Compartir: