CULTURA

O Concello rehabilitará a Casa das Máquinas (Galeras) para albergar o Centro de Estudos Locais Ánxel Casal

03/09/2007 A Casa das Máquinas (o edificio de Fenosa en Galeras) será rehabilitado para albergar o Centro de Estudos Locais Ánxel Casal. Este proxecto ponse en marcha coa aprobación por parte da Xunta de Goberno e o inicio do expediente de contratación de dúas asistencias técnicas: unha para a redacción do proxecto básico (29.991 euros) e outra para a realización de análises específicas dos materiais estruturais e catas da cimentación do edificio (17.400 euros).

Esta intervención permitirá rehabilitar un edificio de aproximadamente 300 metros cadrados, deseñado polo arquitecto Jesús López de Rego e construído en 1919 para albergar un transformador eléctrico. Potenciaranse os valores arquitectónicos e espaciais intrínsecos deste edificio, acondicionándoo para albergar os novos usos municipais.

Realizaranse obras de restauración dos elementos deteriorados, tanto estruturais e construtivos, evitando o seu deterioro progresivo. Ademais, tamén se farán obras de adecuación ao novo uso a determinar polo Concello, que permitirán a súa posta en valor, tanto funcional como culturalmente.

A intervención neste edificio terá en conta a súa inserción na reforma integral que sufrirá esta zona de Galeras. Así, solucionarase o problema do irregular aliñamento do edificio respecto da rúa, recuperándose a beirarrúa na marxe do vieiro que está a carón do edificio.

Compartir: