DEPORTES E SEGURIDADE

Máis de 120 efectivos municipais velarán polo desenvolvemento da chegada a Santiago da Volta Ciclista a España

30/08/2007 O domingo 2 de setembro chega a Santiago a segunda etapa da Volta Ciclista a España, motivo polo cal o Concello compostelán ten preparado un amplo dispositivo que velará polo correcto funcionamento desta importante cita deportiva. A partir das 5 da tarde comezarán a chegar os corredores pola carreteira da Estrada e percorrerán as rúas da cidade ata finalizar en Salgueiriños cun percorrido urbano para que quen queira se acerque e vexa a ciclistas da talla de Óscar Pereiro ou Menchov.

Para que composteláns e visitantes poidamos desfrutar do evento, a entidade municipal porá en marcha unha serie de restriccións circulatorias. Desde os departamentos de Mobilidade, Seguridade e Deporte piden desculpas de antemán a todos os que se vexan afectados pola medida, necesaria para que Santiago se convirta nun espectáculo este vindeiro domingo.

Deste xeito, desde as 7.00 horas do domingo 2 de setembro cortarase á circulación o tramo comprendido entre a praza de España e a rotonda de Meixonfrío e o circuíto completo, que detallamos a continuación, permanecerá pechado desde as 16.00 horas e ata o remate da carreira. Desde as 15.00 horas do sábado 1 de setembro e ata as 22.00 horas do domingo 2 de setembro queda prohibido o estacionamento na avenida do Cruceiro da Coruña (desde a praza de España ata a o rotonda de Meixonfrío), nas dúas explanadas ubicadas en Salgueiriños e nas rúas Carlos Maside e Xesús Carro.

Os accesos e desvíos, que en todo momento estarán sinalizados e atendidos pola Policía Local, realizaranse da seguinte forma: os automóbiles procedentes da Nacional 550 serán desviados cara ao periférico; os que accedan á cidade polo Polígono do Tambre baixarán pola avenida de Castelao cará á estrada de Noia; os vehículos que circulen polo cruce de Rosalía de Castro (Camiño Novo) serán desviados por un carril habilitado en Romero Donallo cara á avenida de Ferrol ; e os que circulen de baixada pola avenida de Lugo deberán cambiar o sentido da marcha á altura do Seminario Menor para acceder ao periférico e saír cara á zona norte da cidade.

En todo momento, arredor de 120 efectivos da Policía Local, de Cruz Vermella, de Protección Civil e dos Bombeiros (reforzados para esta ocasión con dotacións que cubrirán a zona norte, a área sur da cidade con outro equipo e o centro da cidade) permanecerán ao longo de todo o percorrido para aclarar dúbidas e vixiar que todo transcurra sen incidencias.

Todo estará listo para que ás 5 da tarde os corredores entren na cidade pola carreteira da Estrada e percorran un circuíto urbano que comprende as seguintes rúas e zonas: Amor Ruibal - rotonda da Galuresa - Camiño Novo - praza de Galicia - Porta do Camiño - praza da Paz – Salgueiriños - rotonda de Meixonfrío – avenida de Asturias – avenida Camilo José Cela – avenida de Lugo – e Hórreo. Unha vez feito este percorrido os corredores enfilarán novamente pola rotonda da Galuresa de Pontepedriña, subirán pola rúa Romero Donallo e farán o mesmo camiño ata Salgueiriños, onde estará situada a liña de meta e onde finalizará esta segunda etapa da Volta Ciclista a España.

Pedaladas solidarias
Coincidindo con este evento deportivo, o Concello de Santiago, Radio Voz, Fit 4 life e Eco (Eventos, Comunicación e Ocio) organizan outra cita de carácter solidario. Trátase do I Maratón Benéfico de Ciclo Indoor Compostela 07 que se desenvolverá no Paseo Central da Alameda a partir das 3 da tarde do vindeiro domingo 2 de setembro.

Consistirá na instalación de bicicletas estáticas nas que todos poderemos pedalear e por cada quilómetro virtual percorrido estaremos contribuíndo con un euro a que a Fundación Dowm Compostela poida seguir desenvolvendo os seus proxectos.

Compartir: