PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 31 de agosto remata o prazo para solicitar axudas destinadas a empresas de nova creación

27/08/2007 O 31 de agosto remata o prazo para solicitar as axudas do programa Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago de Compostela, incluído dentro de Compostela Activa 2007. Este ano o seu orzamento increméntanse un 33%, pasando dos 30.000 euros do 2006, dos que se beneficiaron 29 firmas, a 40.000 euros. O obxectivo destas subvencións é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais ou novos autónomos a consolidar os seus negocios.

Cada proxecto empresarial poderá beneficiarse de ata 2.000 euros. Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007 nos seguintes conceptos: existencias iniciais de mercadoría, gastos de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de formalización de constitución da sociedade. O importe da axuda non poderá ser empregado con outros fins.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a actividade entre o 1 de outubro do 2006 e o 31 de agosto do 2007 e que teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago. A efectos do programa enténdese como data de inicio de actividade aquela na que a/o solicitante cause alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios.

A valoración dos proxectos presentados será realizada por unha comisión de expertos en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorará a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

As bases pódense consultar no BOP da Coruña do 12 de marzo do 2007 e no microsite adicado ao programa Compostela Activa, que se atopa na web www.maiscompostela.org. Neste microsite tamén hai información sobre o Servizo de Apoio ao Emprendemento, as actividades formativas para persoas emprendedoras e sobre a II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, ubicado en Santiago.

Compartir: