PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace un taller de confección artesán de traxes tradicionais galegos

23/08/2007 O taller "Lila Nuene" deseñará coleccións propias de traxes femininos inspirados na etnografía galega incluindo materiais de ourivería na súa ornamenación e nace ao abeiro do Proxecto Equal Compostela Social.

O pasado 20 de agosto abríu as súas portas Lila Nuene, un taller adicado á confección artesán de traxes tradicionais galegos así como á elaboración dos seus propios deseños baseados na etnografía galega. Lila Nuene é unha empresa nacida a partires do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O taller atópase no número 52 da rúa Rosalía de Castro. A súa promotora é María Isabel Sánchez Freire, quen conta cunha ampla experiencia no sector textil.

Lila Nuene, mediante a confección de traxes tradicionais galegos, pretende respostar á demanda crecente deste tipo de vestimenta, ademáis de colaborar á conservación do patrimonio cultural galego. Pon toda a súa creatividade ao servizo de actividades culturais para desenvolver proxectos creativos e prácticos satisfacendo as necesidades que se teñan en asesoramento, deseño, confección ou arranxos do vestiario.

As empresas nacidas ao abeiro de Equal Compostela Social poden beneficiarse das actividades programadas a través da Rede de Cooperación Empresarial, promovida pola Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas xurdidas no programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados/as de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta fase, na que participan 20 proxectos empresariais. Está liderado polo Concello de Santiago e nel participan, ademais, os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, a Consellería de Traballo, a USC, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Compostela, a Cámara de Comercio, a Plataforma polo Emprego e Cogami.

Compartir: