PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica imparte tres cursos destinados a usuarios do Proxecto Crear

23/08/2007 As actividades formativa, ás que asisten 39 alumnos/as, son: Ofimática básica, Ofimática avanzada e Deseño de páxinas web. O obxectivo do programa é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción.

A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo está impartindo tres cursos destinados a usuarios/as do Proxecto Crear IV, aos que asisten 39 persoas. 27 delas, o 69,2%, son mulleres e as 12 restantes, o 30,8%, homes. As actividades formativas son: Ofimática básica, cun total de 13 alumnos/as, 9 mulleres e 4 homes; Ofimática avanzada, na que participan 14 usuarios/as, 10 mulleres e 4 homes; e Deseño de páxinas web, que conta con 12 alumnos/as, 8 mulleres e 4 homes.

Os cursos de Ofimática básica e Ofimática avanzada, de 20 horas de duración cada un deles, comenzaron o 22 de agosto e está previsto que rematen o próximo día 28. En canto a Deseño de páxinas web, dura 30 horas e impártese entre o 22 e o 31 de agosto.

O obxectivo do Proxecto Crear IV é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción e ten un custe total de 420.000 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. No programa participan 200 persoas desempregadas, fronte ás 100 do Crear III, o que supón un incremento do 100%. Os obxectivos fixados pola Xunta de Galicia son de 80 insercións laborais, é dicir, o 40% das/os usuarias/os. Unha porcentaxe superada ampliamente no Crear III, que posibilitou o acceso ao mercado laboral de 58 persoas (31 mulleres e 27 homes), o 58% do total. Ademáis, a través do Crear III xestionáronse 345 ofertas de emprego, visitáronse 88 empresas e programáronse 15 accións formativas abertas a todas/os as/os beneficiarias/os.

As/os usuarias/os do Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción. Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías persoalizadas, onde as/os usuarias/os van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Unha vez concretado este plan, no que se definen os perfis profesionais das/os usuarias/os, nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para as/os usuarias/os que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfis dos demandantes. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Compartir: