CULTURA

Recta final dos festivais D'Gorra e Feito a Man

23/08/2007 Aínda quedan tres días para desfrutar das actuacións dos festivais D'Gorra e Feito a Man ata que baixen definitivamente o telón o día 26. Para venres, sábado e domingo presentan unha ampla e variada oferta que detallamos de seguido.

Para o vernes 24 hai previstas sete actuacións no Festival D´Gorra que se levarán a cabo durante todo o día nas diferentes prazas santiaguesas. O espectáculo comeza ás 12:30 na Praza de Platerías cos malabares de Casi K Si; pola tarde, a festa non se fará esperar coa actuación de animación e danza, ás 17:30, de Capuzzi & Srta. X na Praza da Quintana. Media hora máis tarde na Praza do Toural, poderemos desfrutar da actuación de Circocina, na que se mesturarán malabares con revolto de ovos. Para axudar a facer a dixestión ás 18:30 temos na Praza de Platerías humor para todos os públicos da man de Manualidades.
Unha hora máis tarde, desta vez na Praza da Quintana, Corpo Corto deleitarános coa súa combinación de destrezas acrobáticas e humor; ás 20:00, teatro xestual de Circanelo na Praza do Toural, e xa para rematar o día ás 20:30 na Praza de Platerías, Cabaré Circonove.

O sábado 25 comeza o espectáculo ás 12:30 na Praza de Platerías con Rudie Dudie, un clown tenro e divertido; a tarde iniciarase coa actuación acrobática de Corpo Corto ás 17:30 na praza da Quintana; un ratiño despois,ás 18:00 na Praza do Toural, Circocina abriranos o apetito co seu inconfundible show. Media hora máis tarde, na Praza de Platerías, Manualidades faranos rir co seu humor e malabares. Cara a noitiña terán lugar as dúas últimas actuacións, a primeira delas ás 20:00 na Praza do Toural con Circanelo e a segunda ás 20:30 na Praza de Platerías con Cabaré Circonove.

Pola sua parte, Feito a Man, propón para o sábado música do brasil con Gandanagaia (en San Martín Pinario ás 20:30) e Flamenco Jazz de Úlo Trio (ás 22:30 na Praza dos Gatos).

O domingo 26 chegamos ao punto e final destes dous festivais. D´Gorra remata con catro actuacións que se estenderán durante todo o día. A primeira terá lugar ás 12:30 na Praza de Platerías da man do humor e malabares de Circocina. Xa ven entrada a tarde, ás 19:30 na Praza da Quintana desfrutaremos do dúo acrobático Corpo Corto e ás 20:00 Kotemalabar chamará a nosa atención co seu espectáculo de rúa na Praza do Toural. Por último, o humor e a música do Trasno poñerá a guinda a este festival, na Praza de Platerías.

Neste día Feito a Man tamén pechará as súas portas coa actuación de Diego Massimini na Praza Feixoo ás 20:30 transportándonos ao fabuloso mundo dos tangos.

Compartir: